A Policía Local de Carballo continúa modernizando o seu parque móbil cun vehículo todoterreo híbrido
Hoxe tivo lugar na Praza do Concello a entrega do vehículo, no que investimos 41.327,01 euros
Martes 2 de abril do 2019 Carballo ao día
O Concello de Carballo continúa a renovar o parque móbil municipal para seguir mellorando os servizos que prestamos á cidadanía. Hoxe pola mañá recibimos a última adquisición: un vehículo todoterreo híbrido adxudicado á empresa Breogán Motor por un importe de 41.327,01 euros. Representantes da empresa, o xefe e dous axentes da Policía Local, a concelleira de Seguridade, Milagros Lantes, e o alcalde, Evencio Ferrero, asistiron ao acto formal de entrega do vehículo.
Este primeiro todoterreo híbrido da Policía Local súmase á motocicleta tipo trail que incorporamos ao parque móbil en febreiro.
Dentro da mellora das condicións de traballo e da operatividade dos servizos de seguridade e emerxencias, tamén foi adquirido un novo camión autobomba contraincendios para Protección Civil por un importe de 216.887,66 euros.
Ademais destes novos vehículos, dende principios de decembro está circulando tamén pola rede viaria municipal un novo tractor con desbrozadora de brazo, no que investimos 81.070 euros e que é utilizado pola Brigada Municipal de Obras nos labores de roza e limpeza da rede viaria. Precisamente nestes momentos estamos a traballar no desbroce dos camiños sen asfaltar de todo o concello.