A Feira de Emprego abriu un abano de posibilidades de inserción laboral para máis de 200 mozos e mozas
Evencio Ferrero apelou unha vez máis á necesidade de que todas as institucións traballen polo obxectivo común da creación de empresas e de emprego
Xoves 4 de abril do 2019 Carballo ao día
Autoridades e participantes no acto de apertura
Con máis de 200 mozos/as e 25 empresas, a IV Feira da Cámara de Comercio da Coruña consolidouse hoxe en Carballo coma feira referente en Galicia, tanto polos elevados índices de participación como polo nivel das empresas participantes, entre elas Grupo Alumán, Gadisa, Herfraga, Softtek, Vegalsa-Eroski, Mapfre, Prosegur ou Grupo Calvo.
Expertos en empregabilidade, recursos humanos e emprendemento deron forma a un completo programa de charlas deseñado pola Cámara da Coruña para axudar aos mozos e mozas a mellorar as súas posibilidades de inserción e a atopar o seu lugar nun mundo laboral cada vez máis complexo e competitivo.
O presidente da Cámara de Comercio, Antonio Couceiro, foi o encargado de abrir a Feira de Emprego. Na súa intervención destacou a “vocación de servizo permanente” da entidade cameral coas empresas, ás que animou a solicitar as axudas á contratación a mozos inscritos no Programa Integral de Cualificación e Emprego ( PICE) por importe de 4.950 euros e a buscar profesionais a través da bolsa de emprego da Cámara. Lembrou que a elección de Carballo nesta edición non foi casualidade. “Hai unha sensibilidade especial con esta terra”, dixo Couceiro, tras lembrar que alberga o único Viveiro de Empresas da Cámara da Coruña.
Pola súa banda, o director xeral da Cámara de Comercio, Gonzalo Ortiz, destacou que a Cámara da Coruña está “moi ligada” a esta comarca coruñesa “cun futuro e unhas posibilidades económicas magníficas”. Neste sentido destacou o triángulo que completan Arteixo e Laracha, de gran dinamismo e posibilidades laborais.
O xornalista Luís Fraga, convidado tamén ao evento, ofreceu unha serie de consellos aos mozos e mozas para afrontar o proceso de procura de emprego con “esforzo, paixón e moitas ganas” e amosouse partidario de ter moi presente nese camiño o que definiu como “os tres P: Pensamento Positivo Permanente”.
O stand do exército estivo moi concorrido
Por último, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, destacou a potencialidade do eixo industrial Carballo-A Laracha-Arteixo, “cuns polígonos tremendamente dinámicos e un asentamento de empresas moi superior á media de Galicia, e iso tamén fainos asumir retos”. Un deses retos é mellorar a formación para facilitar o acceso ao emprego, e ese é o principal obxectivo do Fórum Carballo, “onde se poden impartir ata 21 especialidades formativas”, apuntou Evencio Ferrero, quen aludiu tamén á necesidade de que todas as institucións traballen por ese “obxectivo común” que debe ser a creación de empresas e de emprego “digno, de calidade e que vos permita ser felices a todos e a todas”.
Tras a apertura, á que tamén asistiu o concelleiro de Promoción Económica e deputado provincial, Xosé Regueira, as casetas enchéronse de mozas e mozos con currículos debaixo do brazo dispostos a entrevistarse con representantes de empresas presentes na feira, ao tempo que no auditorio do Fórum se sucedían os interesantes e útiles relatorios e nos puntos de orientación laboral os participantes recibían asesoramento para encarar nas mellores condicións a súa inserción laboral.