Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Bolsa de Traballo colabora no proceso de...

A Bolsa de Traballo colabora no proceso de selección de persoal para a nova área comercial de Carballo

O servizo municipal enviou á empresa os currículos de 60 usuarios/as que se axustaban ao perfil solicitado e facilitou as instalacións do Fórum para o proceso de selección

Venres 5 de abril do 2019 Carballo ao día

O principal cometido da Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo é a intermediación entre as persoas que buscan un emprego ou queren mellorar a súa situación laboral e as empresas. A diferenza con respecto a outros servizos similares é que, grazas ao estudado protocolo que se aplica a partir da inscrición dun novo usuario ou usuaria, cando unha empresa recorre á BDT é posible facilitarlle os perfís máis axeitados aos postos que pretende cubrir.

Nesa liña, a BDT está a participar no proceso de selección de persoal para a nova área comercial que abrirá as súas portas nos vindeiros meses en Carballo xunto á Casa do Concello. O persoal da Bolsa de Traballo realizou unha selección previa de 60 posibles candidatos/as, cuxos currículos foron facilitados á empresa, que tamén tivo á súa disposición as instalaciónsn do Fórum Carballo para realizar o proceso de selección.

A BDT conta con máis de 2.000 usuarios e usuarias, principalmente de Carballo, pero tamén do resto de Galicia e mesmo doutros puntos da península. Unha das claves para o funcionamento óptimo do servizo é a actualización do currículos, e nese sentido faise un chamamento ás persoas inscritas para que comuniquen calquera cambio que poida afectar ao proceso de busca de emprego. Ao longo dos case sete anos que leva en funcionamento, a Bolsa de Traballo ten facilitado a inserción laboral de máis de 200 persoas, ademais de contribuír á mellora da empregabilidade de centos de usuarios e usuarias a través dos numerosos cursos de formación realizados.

Neste proceso é fundamental a implicación das empresas, que cada vez con maior frecuencia acoden á BDT para formar ou ampliar os seus cadros de traballadores/as. O Concello de Carballo pon á súa disposición, totalmente de balde, tanto o servizo de intermediación laboral coma as instalacións do Fórum Carballo.

Compartir: