CUMPRIMENTO DA ESTABILIDADE ORZAMENTARIA E A REGRA DE GASTO
O Concello de Carballo poderá incorporar este ano 1,3 millóns de superávit para destinalos a investimentos sostibles
Segundo o avance da liquidación do orzamento, o 2018 pechouse cunha tesourería de máis de 16 millóns e un remanente para gastos xerais de máis de 12
Mércores 17 de abril do 2019 Carballo ao día
Belén Lendoiro e Evencio Ferrero, na rolda de prensa de hoxe
Todos os indicadores económicos do Concello de Carballo son positivos, segundo o avance da liquidación do orzamento do 2018 que presentaron hoxe o alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro. A 31 de decembro, a tesourería (é dicir, o diñeiro existente nos bancos) era de 16.411.703 euros e o remanente de tesourería para gastos xerais acadaba os 12.746.000. E, a pesares diso, este ano só se poderán incorporar para gasto financeiramente sostible 1.316.804 euros do superávit. “É ilóxico _comentou o alcalde_ que non poidamos dispoñer dos recursos que temos. A regra de gasto está limitando a capacidade de investimento das administracións locais só para que o Estado poida seguir incrementando o seu gasto”.
Un ano máis, o Concello de Carballo cumpre esa “absurda regra de gasto”, en palabras do alcalde, polos pelos: exactamente por 14.108,98 euros. Pero grazas a ese cumprimento e a non ter débeda ningunha cos bancos, poderán incorporarse os 1,3 millóns do superávit para investimentos.
A corporación municipal aprobou para o ano 2018 un orzamento de 26.754.882,34 euros, pero as incorporacións posteriores (1,1 millóns de euros que estaban pendentes de Europa pola captación de auga do río Bardoso, o canon da auga e o superávit) elevaron os ingresos ata 30.242.000 euros. Do mesmo xeito, o gasto final acadou os 27.521.515 euros.
O grado de execución orzamentaria situouse o ano pasado no 94,06%, “o que demostra _sinalou Evencio Ferrero_ que os nosos orzamentos son moi realistas. De feito, dende o 2011 o grao de execución estivo sempre por riba do 93%”.