Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo e LIsle Jourdain renovan o seu...

EMOTIVA CELEBRACIÓN DO 25º ANIVERSARIO

Carballo e LIsle Jourdain renovan o seu irmandamento coa intención de acadar novos puntos de intercambio

O alcalde francés pechou a súa estancia no noso concello cunha visita ao Fórum

Venres 26 de abril do 2019 Carballo ao día

Malia as diferenzas, son moitos os puntos en común entre Carballo e L’Isle Jourdain. Empezando por todas as persoas que ao longo destes 25 anos de irmandamento teñen establecidas relacións de amizade para toda a vida. Pero máis alá desas relacións sociais, e tamén culturais, consolidadas grazas ao labor impagable que veñen realizando os comités de irmandamento dende 1994, os concellos tamén están a traballar para acadar puntos de encontro que permitan ampliar a cordialísima relación institucional existente.

A expedición de liloises que se desprazou esta semana a Carballo para conmemorar o 25º aniversario do irmandamento iniciou hoxe, a primeira hora da mañá, a viaxe de volta. O alcalde, Francis Idrac, e o director rexional de turismo, José Louis Pereira, marcharon máis tarde, polo que aproveitaron a mañá para manter unha reunión con Evencio Ferrero e visitar o Fórum Carballo acompañados polos concelleiros Marcos Trigo e Milagros Lantes. Esta última xornada de traballo permitiu poñer sobre a mesa diferentes propostas, ideas e posibilidades que agardamos que se poidan ir concretando de cara ao futuro.

25º aniversario

O irmandamento entre Carballo e L’Isle Jourdain está, de calquera xeito, plenamente consolidado, como se puxo de manifesto no emotivo acto de conmemoración do 25º aniversario celebrado o xoves pola tarde-noite no Pazo da Cultura. A presidenta do comité carballés, Ana Cancela, foi a encargada de dar a benvida ás persoas asistentes e, despois de lembrar a Manuel José González como impulsor desta relación que dura xa 25 anos, foi introducindo as distintas intervencións.

Marie Delpeyroux, presidenta do comité francés dende o principio, falou con emoción do “cariño” que existe xa entre as dúas localidades, un cariño que foi quen de transmitir ao seu fillo, o primeiro que participou nos intercambios estudantís que deron orixe ao irmandamento e que manterá o legado da súa nai. Falou tamén Manuel Varela Rey, alcalde en 1994, de como comezou todo. O ex rexedor amosou o seu desgusto pola ausencia de Michel Girardi, o alcalde de L’Isle naqueles tempos, que non puido viaxar a Carballo debido a un accidente pero que enviou unha cariñosa e divertida carta escusando tamén a súa presenza para o 50º aniversario. “Grazas aos liloises e aos carballeses polo afecto mutuo e por manter viva esta chama”, rematou Varela Rey.

“Son moitos anos e moitas vivencias”, comezou Carmen Rives, presidenta do comité carballés hai 25 anos, que fixo a súa intervención en galego e francés e que dirixiu unhas sentidas palabras de afecto á súa homóloga francesa.

Tras a intervención final de Evencio Ferrero, desexando “mil primaveras máis para este irmandamento”, tivo lugar un emotivo intercambio de agasallos que a partir de hoxe decorarán os concellos e as sedes dos comités de irmandamento lembrando que os lazos entre Carballo e L’Isle Jourdain xa nunca se desatarán.

Compartir: