Inicio Carballo ao día Hemeroteca Feminismo, natureza e emocións traspasan...

A EXPOSICIÓN ESTÁ ABERTA ATA O 26 DE MAIO

Feminismo, natureza e emocións traspasan as imaxes premiadas no Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís

Teresa Búa, Basilio Bello, César López e Juan Rodríguez Pazos foron galardoados nesta 21ª edición do concurso

Xoves 2 de maio do 2019 Cultura

Premiados, membros do xurado, patrocinadores e organizadores do certame

Premiados, membros do xurado, patrocinadores e organizadores do certame

A sala de exposicións do terceiro andar do Pazo da Cultura reborda creatividade en todas e cada unha das fotografías seleccionadas para formar parte da exposición do 21º Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís. O xurado non o tivo nada doado, como apuntou o alcalde, Evencio Ferrero, no acto de entrega dos premios, porque cada vez hai máis participación e tamén máis nivel.

A exposición que recolle a selección das obras presentadas nesta edición está aberta ata o 26 de maio, de luns a domingo e de 17.00 a 21.00 horas. Con todas esas imaxes como decorado celebrouse o último día de abril o acto de entrega de premios.

Despois da presentación do acto por parte do concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, a secretaria do xurado, Carmen Castro Pombo, deu lectura á acta comezando polo accésit de 300 euros e diploma que patrocina Interfilm Carballo, e que este ano correspondeu a Juan Rodríguez Pazos pola fotografía Color atlántico. O estradense, que o ano pasada gañara o Premio Especial Carballo, non ocultou a súa alegría. Nesta ocasión preséntanos unha paisaxe mariña abstracta que destaca polo xogo de cores. “Pretendía que non fose simplemente unha foto bonita do mar, senón que tivese algo máis creativo, máis artístico. É unha imaxe da costa atlántica que me parece atractiva polas cores e iso foi o que quixen resaltar”, sinalou. Javier Fraga fíxolle entrega do premio en representación de Interfilm.

De esquerda a dereita, Basilio Bello, Teresa Búa, Juan Rodríguez e César López

De esquerda a dereita, Basilio Bello, Teresa Búa, Juan Rodríguez e César López

O segundo premio, patrocinado pola Fundación Luis Calvo Sanz e dotado con 750 euros e diploma, correspondeu ao carballés Basilio José Bello Vilariño pola fotografía Miradas, unha homenaxe, dixo, ao seu pai, finado recentemente. Chano Calvo, que lle fixo entrega do galardón no nome da fundación, expresou a súa satisfacción polo feito de que gañase un carballés. Ademais, destacou que o certame está “moi consolidado, ano a ano vai medrando tanto tecnicamente coma en participación, e espero que en anos vindeiros medre máis, e os premios tamén, e que siga sendo un referente en Galicia e un apoio a un sector cultural non sempre atendido polas institucións públicas”. Nese sentido, destacou a sensibilidade do Concello de Carballo.

O Premio Especial Carballo, dotado con 500 euros e diploma, distingue a imaxe Sueño de invierno, do coruñés César López Seoane, que nos ofrece “unha mirada moi persoal” da praia de Razo, froito “dunha situación persoal moi concreta”. Entregoulle o premio Feliciano Eirís, quen aludiu ao carácter especial do día, “porque dentro dunhas horas meu irmán José Manuel cumpriría anos”.

Teresa Búa xunto á súa fotografía

Teresa Búa xunto á súa fotografía

Finalmente, o alcalde de Carballo entregou o primeiro premio á muxiá Teresa Búa Sambad, gañadora do 21º Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís coa obra Xestamos vidas e mátannos. Ademais dos 1.500 euros e diploma que recibirá, a artista dixo sentirse especialmente satisfeita “de facerme visible na miña terra”. Explicou que a imaxe gañadora “fíxena dunha forma visceral, sen saber o que quería dicir, pero sabendo que necesitaba facer iso. A foto estivo gardada varios anos, e agora realmente comprendo a dirección do meu traballo e comprendo realmente quen son, fun capaz de poñerlle o título e este realmente foi o xerme de todo o traballo que levo feito nestes últimos tres anos, que é cunha dirección moi feminista e reflexionando por que somos mulleres, como somos mulleres e como nos fan ser”. A súa mensaxe: “Ninguén ten que ter medo cando camiña pola rúa”.

No peche do acto, Evencio Ferrero lembrou a figura de Xosé Manuel Eirís, “que tanto aportou á cultura deste país, á musica, á artesanía, á fotografía e tamén ás relacións de amizade”. O alcalde apelou ás emocións e á necesidade de seguir impulsando a cultura, “porque facer cultura tamén é facer compromiso, tamén é facer identidade e tamén é facer economía”.

Compartir: