Adxudicadas as obras da rúa Barcelona, das redes de auga e saneamento en Sísamo e do centro social de Lema
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou os contratos de mellora das zonas verdes e de subministro e colocación de pavimento e canastras en instalacións deportivas
Luns 6 de maio do 2019 Carballo ao día
Rúa Barcelona
A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a adxudicación de obras, servizos e subministros por un total de 897.463,98 euros. Entre as primeiras figuran a reurbanización e mellora da accesibilidade nas rúas Barcelona e Luis Calvo, que será executada por Fonsán Gestión y Construcción cun orzamento de 363.399,34 euros; as redes de abastecemento de auga e saneamento dos lugares de Figueroa e Outeiro, en Sísamo, que foi adxudicada a Construcciones Ramón Vázquez y Reino por 257.125 euros, e a reforma e ampliación do centro social de Lema, que realizará Construcciones López Cao por 155.243 euros.
No primeiro caso, as obras permitirán solucionar as continuas roturas da rede de fibrocemento na rúa Barcelona e ampliar a zona peonil do treito da Luis Calvo comprendido entre a Barcelona e a rotonda, continuando deste xeito cos proxectos integrais de renovación dos servizos urbanísticos e de mellora da accesibilidade que estamos a acometer en todos os barrios. Nos outros dous, as actuacións adxudicadas hoxe darán resposta ás peticións realizadas pola veciñanza a través dos consellos parroquiais.
Ademais das obras, a Xunta de Goberno Local tamén adxudicou hoxe, neste caso a Coregal Parques e Xardíns, os traballos de mellora e posta a punto das zonas verdes do concello, nos que investiremos 88.572 euros. Así mesmo, foi adxudicado a Suministros Técnicos Deportivos, por 33.124,64 euros, o subministro e colocación de pavimento deportivo e canastras elevables ao teito en instalacións deportivas.
A Xunta de Goberno Local aprobou facturas por un importe total de 48.740,73 euros, a admisión de agrupacións no Programa de Actuacións Musicais, as bases e a convocatoria dunha praza de oficial de policía, un convenio coa Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia para a realización de prácticas de formación, vaos e licenzas urbanísticas, entre elas a de reforma e acondicionamento dunha edificación para destinala a albergue turístico no lugar de Pedra do Sal (Lema).