Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Día do Pequebasket reunirá o...

O Día do Pequebasket reunirá o venres 17 en Carballo a máis de 600 nenos e nenas de toda Galicia

A xogadora luguesa Esther Castedo será a madriña desta cuarta edición

Mércores 8 de maio do 2019 Deporte

Esther Castedo será a madriña desta edición

Esther Castedo será a madriña desta edición

Máis de 600 nenos e nenas de entre 5 e 8 anos, de 50 clubs de toda Galicia, participarán o venres 17 de maio no IV Día do Pequebasket, unha cita que reunirá no complexo deportivo Carballo Calero ás futuras promesas do baloncesto base da nosa comunidade. Organiza a Escola de Básket Xiria en colaboración coa Federación Galega de Baloncesto (Fegaba), o Concello de Carballo, Carballo Deporte e a Deputación da Coruña.

Oito canchas de minibasket, 120 partidos en formato 4×4 e sen marcador, inchables, coches e a pedais e moitos xogos son os números e algunhas das actividades dun programa que ten como principal obxectivo que os rapaces e rapazas o pasen ben, aprendan os valores do deporte e desfruten dun día inesquecible.

Como en anteriores edicións, o Pequebasket terá madriña; nesta edición, a lucense Esther Castedo, xogadora do Robert Morris Colonials da NCAA -a liga universitaria estadounidense- formada no Estudiantes de Lugo, habitual nas convocatorias das seleccións españolas, coas que acadou a medalla de prata nos Campionatos Europeos de FIBA sub 18 en 2018 e, co equipo nacional sub 15, o ouro no torneo HMY de 2105.

Presentación

A presentación do evento realizouse hoxe

A presentación do evento realizouse hoxe

O torneo presentouse esta mañá na casa do concello nunha rolda de prensa na que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; o presidente a Escola de Básket Xiria, Marcos Molk, e José Manuel Castelao, en representación da Fegaba. Para Trigo, “a labor realizada pola Escola de Básket Xiria a prol do baloncesto de base vese reflectido non só no Pequebasket, senón no traballo que realizan a longo de todo o ano desde hai xa moitos anos”. O concelleiro agradeceullo a Marcos Molk “o alto que o Básket Xiria leva o nome de Carballo no baloncesto galego”.

Logo de explicar polo miúdo o funcionamento do torneo, o presidente da Escola de Básket Xiria salientou o potencial do Pequebasket: “Os números falan da importancia que xa ten o torneo, que eu creo que aínda ten marxe de mellora, porque cada ano anótanse máis clubs que nas edicións anteriores e cada ano son máis as entidades de toda a comunidade que nos transmiten o seu interese por estar en Carballo o 17 de maio”. “Xa non falamos dos 600 xogadores que se darán cita”, engadiu, “senón dos familiares e acompañantes: poderíamos dicir que entre xogadores, familiares e acompañantes e carballeses que se achegan a desfrutar da xornada no Pequebasket xúntanse preto de 3000 persoas, uha cifra de visitantes que ten unha extraordinaria incidencia tamén na economía local”. “O obxectivo do evento”, rematou, “non é só deportivo: queremos que aprendan valores educativos máis alá do deporte e gocen dunha xornada lúdica e de convivencia”.

José Manuel Castelao confirmou “o recoñecemento que a Federación Galega lle debe a esta iniciativa, xerme do Babybasket”. Castelao subliñou tamén a implicación dos voluntarios e dos familiares dos xogadores locais e das casas comerciais na organización do Pequebasket, “un indubidable atractivo para animarse a participar”. Non esqueceu o representante federativo ao Concello de Carballo, “parte fundamental porque é onde está o xerme institucional: tendo o apoio do Concello o evento vai sempre adiante”.

O alcalde tomoulle a palabra a Castelao e afirmou que “é obriga das institucións colaborar coas entidades e poñer as instalacións municipais, que están para ser usadas, á súa disposición”. “Para o Concello de Carballo”, lembrou, “o deporte sempre será unha prioridade; de feito, somos dos concellos galegos que máis investimento por habitante facemos en deporte”.

Ligazóns



Galería

Compartir: