Inicio Carballo ao día Hemeroteca Iniciados os procedementos de contratación...

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Iniciados os procedementos de contratación das obras de mellora da seguridade nos pasos de peóns e do estadio municipal das Eiroas

Arrinca tamén a licitación do servizo de limpeza de praias cun orzamento de case 600.000 euros para os cinco anos de duración máxima do contrato

Luns 20 de maio do 2019 Carballo ao día

A rúa Luis Calvo é unha das incluídas no proxecto

A rúa Luis Calvo é unha das incluídas no proxecto

A Xunta de Goberno Local puxo en marcha na súa xuntanza de hoxe os procedementos de contratación de varias obras e servizos, entre eles o de mellora da seguridade viaria nos pasos de peóns do casco urbano. En concreto, e tal como figura no convenio asinado entre o Concello de Carballo e a Deputación da Coruña, que achega o 80% dos 201.404 euros do orzamento, o proxecto inclúe actuacións nas rúas Compostela, Avenida da Milagrosa, Avenida de Fisterra, Vázquez de Parga, Luís Calvo, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Fomento, Gran Vía, Sol, Berdillo, Poniente, Fábrica, Avenida de Malpica, Avenida de Razo, Perú, Avenida Ponte da Pedra, Vicente Risco e Anllóns. Os traballos para a mellora da seguridade viaria consistirán en medidas de iluminación dos pasos de peóns, de sinalización horizontal e vertical e de redución da velocidade.

Outro contrato que se puxo en marcha hoxe é o correspondente ás obras do graderío, a reforma do módulo de vestiarios e aseos e a urbanización exterior do estadio municipal das Eiroas, que ten un orzamento de 532.741 euros.

Así mesmo, o goberno municipal aprobou o expediente de contratación do servizo de limpeza de praias. O contrato terá unha duración inicial de catro anos, coa posibilidade de un a maiores de prórroga, e un custo estimado para eses cinco anos de 596.212 euros.

En materia de contratación, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe, ademais, a adxudicación á empresa Técnica 4 Ingeniería y Montajes S.L. do subministro e as obras de conexión área de puntos de luz “de tanto alzado” nas parroquias de Artes, Berdillo, Bértoa, Cances, Entrecruces e Lema, cun custe de 99.336,83 euros.

Outros acordos

Na sesión ordinaria celebrada hoxe foron aprobadas facturas de gasto por un importe de 47.317,01 euros. Tamén saíu adiante un convenio de colaboración entre o Concello de Carballo e a Deputación da Coruña para o financiamento do mantemento da Unidade de Condutas Adictivas (UCA). A achega provincial acadará un máximo de 30.000 euros, que supoñen un 12,66% do custe total anual do servizo.

En materia deportiva, a Xunta de Goberno Local aprobou cadanseu convenio coa Asociación Deportiva e Cultural Voleipraia Costa da Morte e a Escola Basket Xiria, no primeiro caso para as escolas deportivas de voleipraia que se desenvolverán durante o verán, cunha achega de 4.500 euros, e no segundo, para a sétima edición do Día do Pequebasket, con 6.000 euros. Así mesmo, foron aprobadas as bases das convocatorias de subvencións deportivas para o ano 2019.

A solicitude de subvención para un novo obradoiro de emprego de carpintería, os programas de Carballo por Etapas, Rexenera Fest e as Festas de San Xoán e o programa de exercicio físico para maiores tamén saíron adiante, entre outros acordos.

Compartir: