VOLVE O REXENERA FEST
Artistas de China, Arxentina, Italia, Valencia e Ordes estarán en Carballo do 27 de maio ao 9 de xuño para mudar a vila a golpe de brocha e spray
O noso festival de arte pública cumpre cinco anos con artistas de primeira fila e unha morea de actividades paralelas
Martes 21 de maio do 2019 Carballo ao día
Presentación do Rexenera Fest
O Rexenera Fest cumpre cinco anos con moi boa saúde e con seis artistas chegados dende todos os currunchos do globo para seguir aumentando o museo ao aire libre no que se ten convertido Carballo. Pero cada ano o Rexenera Fest é máis. É unha morea de actividades gratuítas que van de seminarios a masterclasess, microconferencias, música en directo, rutas ou a posibilidade de ver día a día o traballo dos creadores, que van construíndo da nada imaxes fantásticas, críticas ou simplemente fermosas. Este ano os artistas convidados veñen de China, Italia, Arxentina, Valencia e Barcelona, e coa presenza galega chegada dende Ordes. Unha escolma dos mellores muralistas do momento para situar a Carballo no mapa do arte urbano mundial.
As datas son do 27 de maio ao 9 de xuño, aumentándose a duración dunha semana a 15 días nos que o festival continuará dando sentido aos obxectivos de Derrubando muros con pintura para converter a Carballo nun punto de referencia da cultura urbana e da arte contemporánea e seguir dando vida ao recurso turístico da vila con máis solicitudes de visitas guiadas ao ano.
Os artistas, un a un
Millo (Italia): Emprazamento por confirmar. Millo mostra nas súas obras a influencia dos seus inicios na arquitectura, reflexada nun vivo sentido do espazo e da composición, con unha distribución organizada dentro dun universo caótico. A súa extensa obra pódese atopar nas rúas de Roma, Milán, Bolonia, Florencia, Río de Xaneiro, Londres, Luxemburgo, París e Barcelona, así como tamén en exposicións e festivais. Mestura nun mundo arquitectónico de branco e negro, figuras xigantes de humanos con aspecto de nenos, marcando dalgunha maneira a inxenuidade humana.
SATR (China): Avenida da Cristina. SATR crea as súas obras utilizando diferentes tipos de ideas e inspiracións ao redor das súas propias experiencias vitais. Estas ideas refléxaas nas súas obras principalmente a través da representación de animais, dotándoos de forza e dun gran simbolismo. A través da súa gama cromática reducida e con unha pincelada vigorosa, crea unha tensión e movemento conseguindo captar rapidamente a mirada do público.
Pichiavo (Valencia): Rúa Luís Calvo. Dúo artístico valenciá, recoñecidos pola súa habilidade para crear relacións entre arte, arquitectura, escultura, espazo e contextos sociais, adoptando un enfoque atractivo e performativo. Na súa arte podemos identificar a perfecta deconstrución da arte clásica e da máis actual Arte Urbana para crear unha nova fusión, que sendo fiel a súa herdanza clásica. PichiAvo son un dende 2007, fuxindo do egocentrismo do graffiti, únense para crear unha obra individual que recita unha poética conceptualmente urbana. Nace do formalismo artístico da rúa, transferindo fragmentos do muro ao lenzo e viceversa nunha visión moi persoal. Este Ano foron os encargados de crear a “Falla Municipal” das “Fallas de Valencia”, xunto aos artistas “falleros” Latorre y Sanz.
Marina Capdevila (Barcelona): Avenida de Bergantiños. Ilustradora freelance afincada en Barcelona. Despois de terminar Belas Artes trasládase a Rotterdam durante ano e medio para profundizar no deseño gráfico, estudando e facendo prácticas en dous estudos. Á volta, despois de traballar como deseñadora gráfica, decide adentrarse máis na ilustración cursando un posgrado de ilustración creativa. A partir dese momento céntrase na ilustración. O que inspira a Marina é a beleza que non segue o cánones habituais como personas maiores, personaxes eternos perdidos nunha sociedade na que teñen dificultade para comprender. O que quere comunicar é o desexo de chegar á vellez con plena vitalidade. Os recursos da exaxeración e a ironía son puntos clave nas súas creacións.
Lidia Cao (Ordes) Rúa Vila de Negreira: Nace en Santiago de Compostela. Técnica Superior en Ilustración pola EASD Pablo Picasso de A Coruña. Dende pequena debuxaba os libros e cubría calquera superficie co bolígrafo. Interesóuse polo debuxo de figuras e rostros, analizando as expresións e o que decir con moi pouco. Nunca asistíu a clases particulares e considérase maiormente autodidacta. Foi en 2016 cando o muralismo tropeza no seu camiño gracias a obradoiros de iniciación a partir dos cales empeza a explorar novos mundos. Encántalle crear o volumen a través de simples liñas. A súa paleta é en gran parte monocromática, utilizando tamén cores desaturadas e pouco estridentes. Participa en varios festivais de muralismo como desOrdes Creativas (Ordes), Muro Crítico (Cáceres), VICC (Vigo) ou Urbanidades do Eixo en Portugal. Actualmente traballa como ilustradora freelance e artista mural.
Milu Correch (Arxentina): Fórum Carballo. Naceu, vive e probablemente morrerá en Bos Aires, Arxentina. Sempre garabateou máis alá das súas actividades principais e fai uns anos aprendeu a pasar pequenas imaxes a metros cadrados. Os muros fóronse agrandando e sumando, o que lle permitiu viaxar con brocha e rolo en man. Manchou paredes na súa cidade natal, outras cidades arxentinas e outras tantas doutro lado do océano. Agora segue pintando tratando de mellorar muro a muro, pincelada a pincelada. A finais de 2017 a web holandesa Street Art Today escolleu unha das súas obras como un dos sete mellores murais do mundo do mes de novembro, o que catapultou a repercusión do seu traballo. Nos últimos tempos afirma que comezou unha serie de murais de meigas.
Actividades paralelas
- MASTER CLASS DE AEROSOL CON SATR: de balde.
- MURALISMO PARA NEN@S: de balde.
DATAS: martes 4 e mércores 5 de xuño. HORARIOS: pola tarde. PRAZAS: dirixido a nenas e nenos de 10 a 12 anos.
- MICROCONFERENCIAS SOBRE ARTE URBANA: de balde.
- FESTA DE PECHE: de balde.
- ROTEIRO GUIADO: de balde.