Inicio Carballo ao día Hemeroteca Asinado o contrato para as obras de...

Asinado o contrato para as obras de reurbanización e mellora da accesibilidade nas rúas Barcelona e Luis Calvo

A mesa de contratación presentou xa proposta para a adxudicación das obras de reforma da rúa Concepción Arenal

Venres 24 de maio do 2019 Carballo ao día

Un dos obxectivos da obra é mellorar a accesibilidade

Un dos obxectivos da obra é mellorar a accesibilidade

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinou hoxe coa empresa Fonsán Gestión y Construcción o contrato correspondente ás obras de reurbanización das rúas Barcelona e Luis Calvo, adxudicadas por 363.399 euros. A finalidade desta actuación é a mellora dos servizos urbanísticos e da accesibilidade, ademais de seguir creando espazos públicos de calidade para o desfrute da cidadanía.

Deste xeito, na rúa Barcelona renovarase a rede de auga, xa que a actual é de fibrocemento; procederase á separación de pluviais e residuais con novas conducións, a rede eléctrica será soterrada, a de gas ampliarase, as de telecomunicacións unificaranse e ademais colocarase unha rede de rego para as novas zonas axardinadas. No ámbito da Luis Calvo no que tamén se actuará, dende o cruce coa rúa Barcelona ata a rotonda da rúa Ponte, tamén se instalarán, renovarán ou soterrarán os servizos en función das necesidades.

O proxecto tamén inclúe un treito da rúa Luis Calvo

O proxecto tamén inclúe un treito da rúa Luis Calvo

Polo que respecta á superficie, a rúa Barcelona terá un tratamento residencial semellante ao doutras rúas da contorna, coma Ponte, con amplas beirarrúas a ámbolos dous lados, dotadas con mobiliario urbano e árbores de crecemento lento; un carril de circulación de sentido único e aparcamento en liña en ámbalas marxes regulado con zona azul, así coma unha zona de carga e descarga.

Na rúa Luis Calvo, debido á alta densidade de circulación que soporta, manteranse distintos niveis entre a calzada e as beirarrúas, que serán ampliadas en función do espazo dispoñible. A vía contará con dous carrís de circulación, e haberá aparcamentos en liña en dous treitos.

A mellora da rúa Concepción Arenal será adxudicada en breve

A mellora da rúa Concepción Arenal será adxudicada en breve

Dentro do proceso de transformación urbana que se está a acometer nos distintos barrios de Carballo, tamén se acometerá nos vindeiros meses a reurbanización da rúa Concepción Arenal. A mesa de contratación fixo esta semana proposta para que a Xunta de Goberno Local proceda á adxudicación da obra, que ten un orzamento de 236.907 euros.

Compartir: