ÚLTIMOS DÍAS DE INSCRICIÓN PARA OS OBRADOIROS DE VERÁN E DO PRÓXIMO CURSO
A rapazada do Horto Infantil Ecolóxico Municipal convídavos a despedir o mes de maio mercando na Pequefeira
Alumnado de todos os colexios e dos obradoiros que se desenvolven nas instalacións da rúa Nardos amosará este venres 31 a primeira colleita
Martes 28 de maio do 2019 Carballo ao día
Pequefeira 2018
Esta semana volverá a haber dúas feiras en Carballo: a habitual de todos os xoves e a Pequefeira do Horto Infantil Ecolóxico Municipal, que se celebrará o venres 31. A rapazada que estivo a participar ao longo do curso nos obradoiros que se desenvolven nos centros escolares e nas instalacións municipais da rúa Nardos quere compartir coa veciñanza os produtos da primeira colleita. Leitugas, remolachas, allos, cebolas, acelgas, herbas aromáticas e algunha que outra sorpresa formarán parte da oferta.
A Pequefeira terá como escenario a Praza do Concello. Os postos estarán instalados nunha carpa ata a que convidamos a achegarse a todo o mundo, tanto ás mamás e aos papás coma ao resto da cidadanía. O mercado será inaugurado ás 11.00 horas polo alcalde en funcións, Evencio Ferrero, e permanecerá aberto ata as 12.30.
Este ano contaremos coas achegas de máis de 2.000 alumnos e alumnas dos colexios Bergantiños, Fogar, Gándara-Sofán, Nétoma-Razo, San Luís Romero e Artai, así coma das escolas do CRA Ponte da Pedra e dos 62 nenos e nenas que acoden cada semana aos obradoiros que se celebran nas instalacións da rúa Nardos. E ademais o venres recibiremos a visita dun grupo de rapaces do CEIP A Cristina.
Con esta iniciativa rematamos o proxecto escolar por este ano, aínda que no Horto Infantil Ecolóxico Municipal non cesa a actividade, e xa estamos preparando tanto os obradoiros de verán coma os do curso que vén. O prazo de inscrición está aberto ata o día 30 deste mes, non o esquezades! A continuación tedes máis información.
CONSULTA AQUÍ TODA A INFORMACIÓN SOBRE OS OBRADOIROS
Obradoiros de verán
Esta actividade vai dirixida a nenas e nenos que durante o curso 2018-19 cursaron Educación Primaria ou segundo ciclo de Educación Infantil. Poderán participar aqueles/as que estean escolarizados/as ou empadroados/as no Concello de Carballo así como os cativos/as que durante as vacacións escolares queden ao coidado dun familiar directo en Carballo. Os obradoiros de verán levaranse a cabo de luns a venres, do 1 ao 31 de xullo e de 10:30 a 12:00 horas, nas seguintes quendas:
- Luns e xoves
- Martes e venres
- Mércores (4º de Educación Infantil)
Para o curso 2019-2020 poderán participar todos os nenos e nenas que estean escolarizados/as ou empadroados/as en carballo e que cursen Educación Primaria ou segundo ciclo de Educación Infantil. Os obradoiros desenvolveranse de luns a venres, de 17:30 a 19:00 horas, do 16 de setembro ao 12 xuño, en tres quendas:
- Luns e xoves.
- Martes e venres
- Mércores (4º de Educación Infantil)
Entrega de solicitudes
As solicitudes de inscrición para calquera dos obradoiros poden presentarse ata o 30 de maio, a través do Rexistro Municipal presentando, debidamente cuberto, o modelo que xa se pode descargar ao final desta nova ou recoller no Museo de Bergantiños de 11 a 14 horas, así como nas instalacións da rúa Nardos, de 17:00 a 19:30 horas. As solicitudes atenderanse por rigorosa orde de inscrición. No caso de cubrirse todas as prazas, elaborarase unha lista de agarda para cubrir posibles baixas. Tanto nos obradoiros do verán como nos do vindeiro curso, as familias poderán escoller a quenda que prefiran ata cubrir o máximo de 25 prazas, agás no caso do alumnado de 4º de Infantil que irá obrigatoriamente ao obradoiro específico do mércores cun máximo de 15 prazas.