Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pan de Carballo estará presente esta fin...

ADEMAIS, DE VENRES A DOMINGO VOLVE CARBALLO POR ETAPAS

O pan de Carballo estará presente esta fin de semana na Coruña na primeira edición de Atlántica Gastronómica

O noso concello participará, en colaboración coa Deputación, nun evento gastronómico que pretende converterse en referencia do eixo atlántico

Mércores 29 de maio do 2019 Carballo ao día

A gastronomía será unha das protagonistas da fin de semana, e non só porque volve Carballo por Etapas nos seus horarios habituais de venres a domingo e cunha nova proposta de petiscos para chupar os dedos, senón porque o noso concello tamén terá presenza, por iniciativa da Concellaría de Promoción Económica e en colaboración coa Deputación da Coruña, en Atlántica Gastronómica, un evento que abrirá as súas portas esta fin de semana para achegarnos o mundo da cociña e do produto.

Carballo participará na sección Atlántica Gastronómica Festival cunha cata de pan e empanada o domingo 2 de xuño, a partir das 12.00 horas. O calendario inclúe catas, showcookings, degustacións, charlas e diversas actividades a cargo de profesionais do sector de renome. O obxectivo é que o público coñeza de primeira man a calidade dos produtos de proximidade. Ademais celebrarase o primeiro encontro internacional de cociña tradicional do Eixo Atlántico, con países convidados como México, Guatemala, Arxentina ou Portugal, ademais do primeiro concurso de grella de Galicia e un workshop.

Atlántica Gastronómica Profesional, a outra sección, ofrecerá un amplo abano das propostas de restauración co obxectivo de situar a provincia da Coruña coma un referente do turismo gastronómico.

Todas as actividades celebraranse no Parrote, con acceso libre e gratuíto.

Compartir: