A capoeira introdúcenos no mes de San Xoán con exhibicións en diferentes escenarios do concello
O programa arrinca o venres 31 con cursos de capoeira no colexio Xesús San Luís Romero
Xoves 30 de maio do 2019 Deporte
Participantes na presentación das actividades
A exhibición de capoeira que coordina Abadá-Capoeira Carballo chega esta fin de semana á súa décima edición. Como cada ano desde o seu nacemento, ofrecerá unha experiencia integradora e de intercambio aos alumnos da escola e tamén a oportunidade de que carballeses e visitantes coñezan mellor o noso concello e desfruten de todo o que ofrece esta arte marcial afrobrasileira que combina danza, música, acrobacias e expresión corporal. Neste décimo aniversario o evento contará coa presenza especial do Mestrando Tigre (Francisco Alves), capoeirista afincado en Bruxelas.
O programa comeza o venres 31 ás 17 horas con cursos de capoeira no CEIP San Luis Romero para tódalas idades e graduacións. Ás 20 horas Iria Rey achegará aos capoeiristas a cultura galega a través dunha clase de baile tradicional.
O sábado pola mañá, especialistas chegados de Vigo, Madrid, Burgos, As Palmas de Gran Canaria e Oporto ofrecerán en Razo unha sesión de surf, en colaboración con Artsurfcamp, en cuxo albergue se aloxarán todos os participantes. Xa pola tarde, impartirase unha segunda sesión dos cursos de capoeira no CEIP San Luis Romero. Para as 20 horas está programada unha Roda de Capoeira na Praza do Concello.
A última cita do evento será o cambio de graduacións, o domingo, ás 11 horas, no Pazo da Cultura, pechando así o programa que nos presentaron Alejandro "Patas", de Abadá Capoeira; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e un grupo de capoeiristas.