Inicio Carballo ao día Hemeroteca Máis de 600 persoas maiores de 60 anos...

Máis de 600 persoas maiores de 60 anos participaron este curso no programa de exercicio físico

A festa de fin de curso celebrarase mañá sábado a partir das 16.30 horas cunha exhibición no pavillón Vila de Noia

Venres 31 de maio do 2019 Carballo ao día

Imaxe dunha exhibición anterior

Imaxe dunha exhibición anterior

O programa de exercicio físico para maiores, promovido polo Concello de Carballo a través das concellarías de Deporte e Terceira Idade, toca á súa fin. Despois de oito meses de actividade, unha exhibición conxunta no complexo deportivo Vila de Noia servirá como peche do curso. O acto de clausura celebrarase mañá sábado a partir das 16.30 horas coa presenza da concelleira de Terceira Idade, Carmen Regueira, e do concelleiro de Deporte, Marcos Trigo.

Máis de 600 veciños e veciñas maiores de 60 anos participan no programa, co que se pretende fomentar estilos de vida activos e saudables, mellorar a calidade de vida da poboación maior a través da actividade física e da inserción social, ademais de influír positivamente no proceso de envellecemento axudando ás persoas participantes a manter un nivel suficiente de capacidade funcional, a reducir o risco de padecer doenzas cardiovasculares e osteoarticulares e a mellorar a súa seguridade.

Todas estas características provocan que o programa de exercicio físico teña moitísima demanda, e que este curso fose preciso ampliar ou duplicar grupos en varias parroquias.

Compartir: