Carballo por Etapas repartiu 17.000 tapas durante as dúas fins de semana de ruta gastronómica
Son 500 tapas máis que na anterior edición; ademais, o tren acolleu arredor de 2.200 viaxeiros e repartíronse aproximadamente 1.900 agasallos
Martes 4 de xuño do 2019 Carballo ao día
O tren contou con 2.200 viaxeiros/as
Arredor de 17.000 tapas -500 máis que o ano pasado- 2.200 viaxeiros e viaxeiras no tren e arredor de 1.900 agasallos. Son as cifras da sétima edición de Carballo por Etapas, a ruta gastronómica que visita a capital municipal cada ano a finais do mes de maio. A valoración da actividade é moi boa polo incremento global no número de tapas consumidas polos visitantes, nomeadamente tendo en conta que a segunda fin de semana un local causou baixa por motivos persoais plenamente xustificados. O cheo nos locais e nas terrazas deixouse ver durante a ruta gastronómica, especialmente o domingo que cadrou en feira, o 26 de maio, e durante toda a primeira fin de semana, aínda que a afluencia foi continuada na maioría dos locais durante todos os días de Carballo por Etapas.
Tamén hai que subliñar que numerosos bares e tascas esgotaron a primeira quenda de “rascas” dispoñibles para repartir entre a clientela e tiveron que pedir máis para poder repartir os agasallos entre os comensais. A pesar de que aumentou o consumo no número de tapas, é certo que diminuíron un pouco os viaxeiros do tren durante a segunda fin de semana en que o sol e as altas temperaturas fixeron que menos xente se animase a subir aos vagóns.
Variedade de tapas e de locais
Hai que resaltar así mesmo a variedade da oferta das tapas e das elaboracións para esta edición, con propostas como salpicón, arroz, bacallau, ragú, solombo, chipiróns, gambóns, polbo, xamón ibérico, lombo, lacón, zamburiñas e moitos produtos máis.
De todo, moi bo e moi saboroso púidose degustar nos dezasete locais que participaron este ano: A Barra Bar, A Nova Ferradora, A Nova Tasca, Cafetería Habanos 79, Cervecería Ágora, Cervecería A Tapería, Korner Carballo, Mesón A Cabaña, Mesón As Viandas, Oasis Restaurante-Vinoteca, O’Burato 26 Marisquería, Restaurante A Esmorga, Restaurante Mesón do Pulpo, Restaurante Vinoteca A de Pako, Taberna O Mexillón, Trattoría Pizzeria Vesuvio e Vinoteca Ánfora. As dúas fins de semana transcorreron sen incidencias, excepto pola ausencia plenamente xustificada a segunda fin de semana de A Nova Ferradora.