DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE
Os “fillos” do Carballo de Vilar de Francos perpetuarán a nosa árbore senlleira nunha nova carballeira
Plantarase unha árbore por cada neno/a que naza no ano 2020
Mércores 5 de xuño do 2019 Carballo ao día
Evencio Ferrero e Luis Lamas, con dous dos "herdeiros" do Carballo de San Antón
Dende o Concello de Carballo non só estamos a colaborar no coidado e o mantemento nas mellores condicións do Carballo de San Antón, senón que tamén queremos garantir a súa supervivencia para as xeracións futuras. Con esa intención, nos últimos meses vimos recollendo os “fillos” da nosa árbore senlleira, plantándoos en macetas e dándolles os coidados precisos para que medren sans e fortes. Xa temos máis de 170, pero serán moitos máis, porque o noso obxectivo é plantar un descendente do Carballo de Vilar de Francos por cada neno ou nena que naza no noso concello ao longo do ano 2020.
Ademais de perpetuar o noso carballo centenario, a iniciativa que presentaron hoxe, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, o alcalde e o concelleiro de Obras e Servizos, tamén pretende implicar á cidadanía na Estratexia Carballo 2030, símbolo dun modelo urbano máis sustentable e que servirá como locomotora de crecemento e desenvolvemento para o conxunto do territorio. Evencio Ferrero e Luis Lamas achegáronse ata as instalacións do Horto Infantil Ecolóxico Municipal, onde empezan a medrar os pequenos carballos transplantados nos últimos meses, para dar a coñecer este novo proxecto de participación veciñal.
Os carballiños están ao coidado do Horto Infantil
No municipio de Carballo nacen cada ano entre 250 e 300 nenos e nenas. Os/as que veñan ao mundo no 2020 non só traerán un pan baixo o brazo, senón tamén un carballo, que levará o seu nome e que formará parte desa nova carballeira do futuro. A intención do goberno municipal, como explicou hoxe o alcalde, é que, coincidindo co Día da Árbore do ano 2021, as familias que o desexen poidan ou ben participar nunha plantación colectiva ou ben acudir a recoller a árbore do seu bebé e plantala no lugar que escollan.