Inicio Carballo ao día Hemeroteca 58 persoas colaboraron na campaña de...

O SERVIZO MUNICIPAL DE CONTROL DE PRAGAS XA RETIROU ESTE ANO 35 NIÑOS PRIMARIOS

58 persoas colaboraron na campaña de trampeo da avespa velutina, que se saldou con 12.511 raíñas capturadas

As 737 trampas distribuídas por todo o territorio municipal serán retiradas para non xerar residuos e para evitar que caian nelas outros insectos

Xoves 6 de xuño do 2019 Carballo ao día

Esta foi a primeira raíña capturada este ano

Esta foi a primeira raíña capturada este ano

O 31 de maio demos por rematada a campaña de trampeo da avespa velutina, unha iniciativa do Servizo Municipal de Control de Pragas que ten como finalidade reducir a presenza desa especie invasora no noso concello. Este ano contamos coa colaboración de 58 persoas, o que nos permitiu colocar 737 trampas, 312 máis que o ano pasado. E tamén as capturas foron máis elevadas: 12.511 raíñas en total.

A campaña arrancou o 1 de marzo coa participación de 53 voluntarios/as e un total de 561 trampas distribuídas por todo o territorio municipal. No primeiro mes foron capturadas 1.380 avespas. En abril a cifra xa se incrementou moito, cun total de 4878, e en maio, coincidindo co aumento dos/as colaboradores/as e do número de trampas, disparouse ata as 6.153 raíñas.

O servizo municipal de control de pragas contou de novo este ano coa axuda dos/as apicultores/as. Tamén se sumaron moitos particulares. Agora, unha vez rematada a campaña, procederase á retirada das trampas para non xerar residuos e tamén para evitar que caian nelas outros insectos. Desde o Concello de Carballo agradécese a colaboración da cidadanía neste traballo colectivo contra unha especie invasora que está a incidir moi negativamente tanto na poboación de abellas coma en actividades coma a produción de mel ou de froita.

Xunto coa campaña de trampeo, o Servizo municipal de control de pragas segue a traballar na retirada de niños en función dos avisos que recibe. No que vai de ano foron localizados 40 niños secundarios e 35 primarios, 15 deles no mes de maio. As parroquias de Carballo, Ardaña, Bértoa, Sísamo, Sofán e toda a zona costeira son, de momento, as máis afectadas.

Compartir: