Inicio Carballo ao día Hemeroteca Convocada para o luns unha sesión...

PREVENCIÓN E DEFENSA CONTRA OS INCENDIOS FORESTAIS

Convocada para o luns unha sesión informativa sobre o sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias

O conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, explicará á veciñanza da parroquia de San Xoán os traballos de limpeza recollidos no convenio Xunta-Concello

Venres 7 de xuño do 2019 Carballo ao día

A Xunta de Goberno Local aprobou en setembro do 2019 a adhesión do Concello de Carballo ao convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias, que son ámbitos que teñen como función prioritaria a protección dos núcleos de poboación, as infraestruturas, os equipamentos sociais, as zonas edificadas, os parques e os polígonos industriais. Nestas zonas debe garantirse o control e a eliminación total ou parcial da biomasa forestal co obxectivo de reducir o risco de incendio.

A lei establece que a obriga da xestión da biomasa corresponde ás persoas titulares das parcelas incluídas nesas faixas secundarias, que no caso de Carballo abranguen unha superficie de 123,18 hectáreas na parroquia de San Xoán Bautista. O convenio asinado polo Concello de Carballo establece a colaboración financeira da Xunta de Galicia para garantir a xestión da biomasa, a formalización de contratos de xestión da biomasa cos titulares dos montes e a colaboración técnica das Administracións autonómica e local para poder actuar subsidiariamente se é preciso.

Para dar a coñecer os traballos de limpeza previstos no convenio de colaboración está prevista para o luns 10, ás 11.00 horas, no Fórum Carballo, unha sesión informativa na que participará o conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez. A xuntanza é aberta a toda a veciñanza.

Compartir: