Inicio Carballo ao día Hemeroteca Xa están operativos os dispositivos...

Xa están operativos os dispositivos adaptados para invidentes nos semáforos do casco urbano

Persoal da ONCE e da empresa instaladora explicaron o funcionamento do sistema a un grupo de usuarios e usuarias

Venres 7 de xuño do 2019 Carballo ao día

Dolores Venancio explica a unha usuaria o funcionamento do mando

Dolores Venancio explica a unha usuaria o funcionamento do mando

Dende hoxe é moito máis doado andar por Carballo para as persoas invidentes, porque xa están operativos os dispositivos adaptados para elas en todos os semáforos. Despois dunha breve explicación do sistema, que é moi sinxelo, e dunha proba práctica na Praza de Galicia, a ONCE e o Concello realizaron esta mañá o reparto de mandos a un primeiro grupo de usuarios e usuarias.

Un técnico da empresa Alumbrados Viarios S.A., que realizou a instalación, explicou o funcionamento dos semáforos, que se activan exclusivamente cos mandos facilitados ás persoas invidentes. Deste xeito, cando unha delas se achega ao cruce simplemente debe pulsar o botón do mando para que o semáforo “detecte” a súa presenza, que se confirmará cun son concreto. Cando o semáforo estea en verde escoitarase o nome da rúa e comezará un pitido característico que indica que xa se pode cruzar, e que estará activo mentres o semáforo permaneza en verde. Nos semáforos que funcionan con pulsador, este activarase tamén dende o mando.

O técnico da empresa Aluvisa explicou o sistema implantado

O técnico da empresa Aluvisa explicou o sistema implantado

Tanto a concelleira de Mobilidade, Milagros Lantes, coma o alcalde, Evencio Ferrero, destacaron que a elección do sistema realizouse en coordinación coa ONCE, que hoxe estivo representada por Dolores Venancio. A diferenza dos sistemas utilizados noutras cidades galegas, e que dende a ONCE se están a desbotar pola contaminación acústica que supoñen -coas conseguintes queixas veciñais-, o método escollido en Carballo permite controlar as emisións de son para que só se produzan no momento en que sexa operativo o semáforo, que o resto do tempo estará inactivo. “O obxectivo é seguir mellorando a accesibilidade e a seguridade das persoas con discapacidade, neste caso con discapacidade visual, e seguir construíndo un Carballo para todas e todos”, apuntou Milagros Lantes.

Carballo incorporouse hoxe ao grupo de concellos, aínda moi reducido, con semáforos acústicos que facilitan a mobilidade das persoas invidentes.

Compartir: