CARBALLO É UN DOS 34 CONCELLOS GALEGOS DE ACTUACIÓN PRIORITARIA
O conselleiro do Medio Rural explicou no Fórum o convenio de protección da parroquia de San Xoán fronte aos incendios
A Xunta ofrece aos propietarios a posibilidade de adherirse a un convenio por catro anos para que Seaga realice a limpeza das franxas de 50 metros arredor das casas a un custe de 350 euros/hectárea
Luns 10 de xuño do 2019 Carballo ao día
Carballo é un dos 34 concellos galegos cualificados pola Xunta como de alto risco de incendios, un risco que se concentra na parroquia de San Xoán Bautista debido á proliferación de lumes en puntos moi concretos da periferia. Como consecuencia desta situación, a de San Xoán Bautista é unha das 68 parroquias galegas consideradas prioritarias pola Consellería do Medio Rural para acometer a limpeza das franxas de 50 metros arredor das casas, e ata aquí quixo desprazarse hoxe o conselleiro José González para explicar que medidas se están a adoptar ao respecto.
Nunha xuntanza celebrada no auditorio do Fórum, na que tamén participaron outros cargos autonómicos e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, José González explicou aos técnicos e propietarios presentes, algo máis de 30 persoas, en que consisten esas medidas. Fundamentalmente, a Consellería de Medio Rural ofrece aos donos dos terreos a posibilidade de adherirse a un convenio por catro anos para delegar en Seaga a responsabilidade da limpeza e a un custe moi inferior ao de mercado: 35 euros por cada 1.000 metros cadrados ou, o que é o mesmo, 350 euros por hectárea. “O obxectivo é que as aldeas estean protexidas contra o lume”, sinalou en repetidas ocasións o conselleiro.
José González comentou que, tal como recolle a lei, a xestión da biomasa é unha obriga das persoas titulares das parcelas. A aquelas que non o fixeron voluntariamente antes do 31 de maio ofréceselles agora esta posibilidade, pero tamén advertiu de que de non facelo tramitarase dende o Concello a orde correspondente, e que, como último recurso, poderá a Administración local realizar a limpeza subsidiariamente e cargarlle as costas á propiedade segundo o prezo de mercado.
En toda Galicia vanse destinar a este plan de actuación máis de 28 millóns de euros en catro anos. En principio, Medio Rural só actuará nas parroquias priorizadas, como é o caso da de San Xoán Bautista en Carballo, porque, tal como explicou o conselleiro, “non podemos permitir que morran persoas”, pero insistiu en que a obriga de manter limpos os montes se estende á veciñanza de todas as parroquias de todos os concellos galegos. As persoas interesadas poden consultar nas oficinas municipais se as súas propiedades se atopan dentro das franxas de actuación prioritaria e, se é o caso e queren adherirse ao convenio, tamén se lles facilitará o documento para facelo.
José González insistiu en que canto antes se limpen as zonas con máis risco, antes se poderá actuar no resto do territorio. Aínda así, ofreceu a posibilidade de crear o que denominou “aldeas modelo”, sempre e cando exista acordo entre os propietarios das parcelas para desenvolver actividades agrogandeiras polo menos durante un prazo de cinco anos, e engadiu que mesmo se está a traballar en liñas de axuda para a comercialización dos produtos que se obteñan.