Inicio Carballo ao día Hemeroteca O mandato remata cun pleno de trámite...

O mandato remata cun pleno de trámite antes da toma de posesión da nova corporación na sesión deste sábado día 15

O alcalde despediu aos concelleiros saíntes asegurando que foron dignos representantes de todos os carballeses e carballesas

Mércores 12 de xuño do 2019 Carballo ao día

Cun pleno de trámite, no que se aprobaron as actas das sesións anteriores, clausurouse o mandato dos últimos catro anos do Concello de Carballo. Media hora antes, a Xunta de Goberno Local tamén celebrou a súa última reunión deste período. Este sábado, 15 de xuño, ás 12 horas, terá lugar o primeiro pleno do vindeiro mandato para que tome posesión a nova corporación.

O alcalde, Evencio Ferrero, aproveitou para despedir aos concelleiros que deixarán a corporación, caso de Aurelio Núñez, do Partido Popular, e de Estefanía Canosa, de Terra Galega. Ferrero desexoulles “o mellor” e agradeceu o esforzo e o traballo que lle dedicaron ao Concello no tempo que foron “dignos representantes de todos os carballeses e carballesas”. “Moitas grazas”, engadiu, “polo clima de diálogo e por pensar en positivo e no mellor para Carballo”.

Aurelio Núñez afirmou sentirse honrado de pertencer á corporación e representar á cidadanía de Carballo nestes seis anos e medio últimos

Aurelio Núñez afirmou que para el “foi unha honra pertencer a esta corporación e poder representar á cidadanía de Carballo nestes seis anos e medio últimos”. O representante popular tamén tivo palabras de agradecemento para os traballadores e funcionarios municipais por “todas as facilidades que lle deron ao grupo do PP para levar a cabo a súa labor”, así como a todos os compañeiros do pleno: “Creo que formamos unha corporación con bo ambiente, en positivo”.

Estefanía Canosa despediuse asegurando leva “unha lección importantísima” dos seus anos na corporación, nos que cree que Terra Galega fixo “una oposición construtiva, sen faltarlle o respecto a ninguén”.

Compartir: