Inicio Carballo ao día Hemeroteca Máis de sesenta persoas participaron na I...

Máis de sesenta persoas participaron na I Xornada técnica sobre violencia de xénero Carballo enRede

A intervención do antropólogo David Kaplun pechou unha interesante e instrutiva xornada formativa organizada pola Concellaría de Igualdade e Benestar

Venres 14 de xuño do 2019 Carballo ao día

Nieves Castañón, directora do CIM, e Evencio Ferrero, no acto de apertura

Nieves Castañón, directora do CIM, e Evencio Ferrero, no acto de apertura

“A violencia de xénero é absolutamente intolerable, e temos que seguir traballando para erradicala, pero ese obxectivo só se conseguirá se toda a sociedade toma conciencia de que este problema ten que ser erradicado”. Con esta declaración de intencións do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, arrincou a I Xornada técnica sobre violencia de xénero Carballo enRede, unha iniciativa impulsada dende a Concellaría de Igualdade e Benestar, a través do Centro de Información á Muller, para fomentar e favorecer a coordinación entre os/as profesionais que traballan dende distintos ámbitos contra a violencia de xénero.

Por iso nesta xornada puxéronse sobre a mesa diferentes ópticas do mesmo problema, dende a policial, representada polo xefe de área do gabinete de coordinación e estudos da Secretaría de Estado de Interior, Juan José López Ossorio, ata a antropolóxica, expresada na interesantísima e instrutiva charla de peche, por Kavid Kaplun, membro da Asociación de Hombres por la Igualdad de Género (AHIGE).

Entre o público sentáronse profesionais de distintas áreas e concellos

Entre o público sentáronse profesionais de distintas áreas e concellos

Entre un e outro, ao longo da mañá e de boa parte da tarde pasaron polo auditorio do Fórum Carballo poñentes que están na primeira liña da loita contra a desigualdade e a violencia de xénero, como Fátima Alonso, Noelia Marta ou Chelo Neira, que se centraron nos recursos a disposición das vítimas; a xuíza Paz Filgueiras e a médica Rosana Izquierdo, protagonistas dunha mesa redonda sobre boas prácticas na intervención integral en violencia de xénero, ou María Debén, xurista e coordinadora de igualdade da Delegación do Goberno na Coruña, que achegou un novo punto de vista: o custe da violencia de xénero.

A transversalidade da xornada atraeu ata o Fórum a máis de sesenta profesionais dos servizos sociais, a sanidade, as forzas e corpos de seguridade, o ensino e outras áreas implicadas no traballo contra a violencia de xénero, fomentando deste xeito a posta en común e a coordinación precisa para ofrecer unha resposta integral ás vítimas. 

Compartir: