Inicio Carballo ao día Hemeroteca O irmandamento entre Carballo e L´Isle...

Cristina Castro e Santi Picos remataron o seu mural "Jumelage"

O irmandamento entre Carballo e L´Isle Jourdain deixa a súa pegada na rúa Vila de Noia

Luns 17 de xuño do 2019 Participación veciñal

Santi Picos e Cristina Castro, no seu mural

Santi Picos e Cristina Castro, no seu mural

O mural Jumelage, situado na rúa Vila de Noia de Carballo e iniciado o pasado mes de abril coincidindo coa visita dos franceses a Carballo, xa está finalizado. A iniciativa foi promovida pola Asociación de Irmanamento con L´Isle Jourdain en colaboración co Concello de Carballo co obxecto de conmemorar os 25 anos de irmandamento entre Carballo e L'Isle Jourdain.

A obra foi realizada polos ilustradores carballeses Santiago Picos e Cristina Castro. Nesta creación, as follas do carballo simbolizan a vila bergantiñá e os xirasois, os campos que rodean L'Isle Jourdain. Na parte central, as mans en forma de corazón representan os sentimentos que unen aos habitantes das dúas vilas entre si e sobre todo aos participantes dos intercambios que se levaron a cabo durante estes 25 anos. "¿Por que dous brazos? Un brazo representa a unha persoa de Carballo e o outro a unha de L'Isle Jourdain, creando un vínculo afectivo que se estende ás dúas vilas irmás", explican dende o Comité de Irmandamento.

Exposición en L´Isle Jourdain

Durante este mes de xuño Carballo estará moi presente na vila francesa de L'Isle Jourdain. Os dous concellos, en colaboración cos comités de irmandamento, promoveron unha exposición con fotos de varias das magníficas e impresionantes obras de arte urbano que decoran as rúas do municipio carballés. A exposición manterase aberta ao público ata o 22 de xuño. A mostra inclúe o mural conmemorativo dos 25 anos de irmandamento.

Compartir: