O nacionalista Evencio Ferrero inicia o seu quinto mandato como alcalde de Carballo
Os novos membros da corporación tomaron posesión dos seus cargos no pleno celebrado o sábado 15
Luns 17 de xuño do 2019 Carballo ao día
Nova corporación municipal
Evencio Ferrero Rodríguez, do BNG, inicia o seu quinto mandato como alcalde de Carballo tras ser elixido no pleno de constitución da nova corporación municipal, celebrado o sábado 15. Co salón de sesións ateigado de público, o secretario do Concello abriu a sesión dando a benvida aos presentes e explicando o funcionamento da sesión, presidida en primeira instancia pola mesa de idade, composta polo concelleiro máis maior, Ricardo Vilas Otero (PP) e o máis novo, Iván Andrade Tasende (BNG). Ricardo Vilas remarcou o carácter especial da sesión por coincidir co 40º aniversario da constitución da primeira corporación democrática, da que, casualmente, tanto el coma Evencio Ferrero formaron parte. Cualificou coma un orgullo formar parte de novo do pleno e apelou á responsabilidade dos seus 21 integrantes para traballar por Carballo.
Evencio Ferrero, tras recibir o bastón de mando
Tras a intervención inicial, os membros da nova corporación foron chamados por orde alfabética para prometer ou xurar o cargo, e unha vez constituído oficialmente o pleno procedeuse á elección de alcalde entre as catro candidaturas presentadas. Co apoio dos 12 concelleiros/as do BNG, Evencio Ferrero revalidou o cargo por outros catro anos. Ricardo Vilas fíxolle entrega do bastón de mando, símbolo do poder municipal, e o novo alcalde ocupou xa o seu posto na presidencia do salón de sesións. No seu discurso, que podedes escoitar integramente no vídeo que atoparedes ao final desta nova, Evencio Ferrero tivo palabras de agradecemento para os seus pais, para a súa familia e para os compañeiros e compañeiras de candidatura, e, moi especialmente, para os veciños e veciñas de Carballo. «Para quen aquí naceu, medrou, estudou, ten amizades e decidiu vivir non hai maior honra que representarvos a todos vós», manifestou.
A nova corporación municipal de Carballo estará integrada por 12 representantes do Bloque Nacionalista Galego (BNG), 4 do Partido Popular (PP), 3 do Partido Socialista Obreiro Español (PSOE) e 2 de Terra Galega (TeGa). Despois da constitución da corporación municipal, o alcalde asinou este luns as delegacións de competencias nos distintos membros do grupo de goberno, e para este xoves, día 20, está prevista a celebración do pleno de organización do funcionamento da corporación municipal para os próximos catro anos.