A nova corporación municipal celebra este xoves 20 a sesión extraordinaria de organización do pleno
O alcalde, Evencio Ferrero; a primeira tenente de alcalde, Belén Lendoiro, e a segunda, Milagros Lantes, presentaron a proposta do goberno municipal do BNG
Mércores 19 de xuño do 2019 Carballo ao día
Belén Lendoiro, Evencio Ferrero e Milagros Lantes, hoxe
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e as súas compañeiras de goberno Belén Lendoiro e Milagros Lantes, primeira e segunda tenentes de alcalde, respectivamente, presentaron hoxe a proposta que defenderá o goberno do BNG na sesión extraordinaria de pleno que se celebrará mañá xoves, día 20, co obxectivo de establecer a organización da corporación municipal para os vindeiros catro anos. As novas corporacións dispoñen dun mes de prazo desde a súa constitución para celebrar o pleno de organización, e Carballo será un dos primeiros concellos en facelo “para non interferir nas festas e para poñer en marcha todo o antes posible”, explicou Evencio Ferrero.
Os asuntos e as propostas dos que se dará conta son os sequintes:
- Constitución dos grupos políticos municipais. Os catro grupos municipais quedaron constituídos segundo a seguinte distribución: BNG, 12 concelleiros/as; PP, 4; PSOE, 3, e TeGa, 2.
- Perioricidade das sesións ordinarias do pleno. Os plenos celebraranse o último luns de cada mes agás o de agosto, no que se trasladará ao primeiro luns de setembro.
- Comisións informativas permanentes e outros órganos colexiados de estudo e proposta. Haberá tres comisións informativas: Facenda, Especial de Contas, Réxime Interior e Contratación; Planificación Urbana e Mobilidade, e Benestar e Participación Social. Cada unha delas contará con 6 representantes do BNG, 2 do PP, 2 do PSOE e 1 de TeGa, “intentando aproximarnos o máximo posible ao criterio de proporcionalidade que establece a lei”, explicou Evencio Ferrero. Tamén funcionará como órgano consultivo unha Comisión Especial de Seguridade, presidida polo alcalde, que contará cun representante de cada partido. Así mesmo, crearase a Xunta de Portavoces.
- Representantes da corporación en órganos colexiados. Son un total de 25, incluíndo os consellos escolares, o Fondo Galego de Cooperación ou o Eixo Atlántico.
- Réxime de retribucións e indemnizacións dos membros da corporación: por asistencia a plenos, 100€ (50€ máis para os/as voceiros/as); por asistencia á Xunta de Goberno Local, 100€; por asistencia a comisión informativas, 90€ (60€ máis para as presidentas). Estas indemnizacións só as percibirán os membros da corporación sen dedicación exclusiva, é dicir, “todos os da oposición e os do goberno que non teñen dedicación”, aclarou o alcalde.
- Cargos da corporación en réxime de dedicacións exclusivas e retribucións. Terán dedicación exclusiva ao Concello de Carballo Evencio Ferrero, Milagros Lantes, Luis Lamas, Juan Seoane, Marcos Trigo e Maica Ures. Os seus salarios non variarán e, en todo caso, serán un 20% máis baixos do máximo permitido por lei, segundo a cal Carballo podería ter 11 edís con dedicación exclusiva.
- Asignación económica aos grupos políticos municipais. Cada grupo percibirá 100 euros ao mes, independentemente do número de membros que teña, e por cada concelleiro corresponderanlle 125 euros, a mesma cantidade dende fai 20 anos.
- Determinación do persoal eventual e retribucións. O Concello de Carballo podería contratar ata 8 persoas como persoal eventual, pero serán dúas: o secretario do alcalde e un técnico asesor de medio ambiente.
- Resolucións do alcalde nas seguintes materias:
b) Delegación de competencias en concelleiros delegados: son as xa coñecidas, coa excepción de que Maruxa Suárez relevará a Mar Eirís como concelleira de Festas unha vez se peche o actual San Xoán.
c) Designación de membros da Xunta de Goberno Local e delegación de competencias. d) Delegación de competencias en expedientes sancionadores de tráfico no concelleiro de Mobilidade e Seguridade.