Inicio Carballo ao día Hemeroteca A semana que vén arrincarán as...

A semana que vén arrincarán as obras de reurbanización na contorna do Fórum Carballo e na rúa Barcelona

O Concello de Carballo realizará un investimento de 742.770 euros entre os dous proxectos

Venres 28 de xuño do 2019 Carballo ao día

A semana que vén arrincarán as obras de reurbanización de rúas en dous puntos do casco urbano. Por unha banda, na contorna do Fórum acometeranse melloras nas rúas Xílgaro, Luís Braille e Enxeñeiro Barreira; pola outra, o proxecto da rúa Barcelona tamén afecta a un treito da Luís Calvo, no que se mellorará a accesibilidade peonil. En total, o Concello de Carballo realizará un investimento de 742.770 euros, repartidos practicamente a partes iguais entre os dous proxectos.

As obras obrigarán a modificar o tráfico rodado e os aparcamentos, polo que pedimos desculpas por anticipado polas molestias que poidan ocasionar. Dende o Concello de Carballo agradecemos a colaboración veciñal para que os traballos se leven a cabo do mellor xeito posible.

CONTORNA DO FÓRUM

Contorna do Fórum Carballo

Contorna do Fórum Carballo

O proxecto de reurbanización da contorna do Fórum Carballo, que executará a empresa Construcciones López Cao, inclúe a renovación de instalacións e infraestruturas urbanas, resolvendo as deficiencias dos servizos urbanísticos existentes, e a mellora da accesibilidade e a seguridade viaria mediante a reordenación dos espazos e a renovación de pavimentos nas rúas Xílgaro, Luís Braille e Enxeñeiro Barreira

As dúas primeiras serán de dirección única, con aparcamento en ámbalas dúas marxes e zonas peonís máis amplas que incluirán, ademais, vexetación para darlle certa continuidade á rede verde entre o Parque da Milagrosa e a contorna menos consolidada. O corredor peonil cuberto que discorre baixo os soportais edificados será renovado para integralo no espazo e crearase espazos verdes que integrarán, ademais, o mobiliario fabricado polo alumnado do obradoiro de emprego de carpintería. Ao mesmo tempo, as obras están concibidas para mellorar as condicións de celebración da feira. O prazo de execución previsto é de de 22 semanas.

RÚA BARCELONA

Rúa Barcelona

Rúa Barcelona

A empresa Fonsán Gestión y Construcción realizará as obras de reurbanización das rúas Barcelona e Luis Calvo. A finalidade desta actuación é a mellora dos servizos urbanísticos e da accesibilidade, ademais de seguir creando espazos públicos de calidade para o desfrute da cidadanía.

Deste xeito, na rúa Barcelona renovarase a rede de auga, xa que a actual é de fibrocemento; procederase á separación de pluviais e residuais con novas conducións, a rede eléctrica será soterrada, a de gas ampliarase, as de telecomunicacións unificaranse e ademais colocarase unha rede de rego para as novas zonas axardinadas. No ámbito da Luis Calvo no que tamén se actuará, dende o cruce coa rúa Barcelona ata a rotonda da rúa Ponte, tamén se instalarán, renovarán ou soterrarán os servizos en función das necesidades.

Polo que respecta á superficie, a rúa Barcelona terá un tratamento residencial semellante ao doutras rúas da contorna, coma Ponte, con amplas beirarrúas a ámbolos dous lados, dotadas con mobiliario urbano e árbores de crecemento lento; un carril de circulación de sentido único e aparcamento en liña en ámbalas marxes regulado con zona azul, así coma unha zona de carga e descarga.

Na rúa Luis Calvo, debido á alta densidade de circulación que soporta, manteranse distintos niveis entre a calzada e as beirarrúas, que serán ampliadas en función do espazo dispoñible. A vía contará con dous carrís de circulación, e haberá aparcamentos en liña en dous treitos.

Compartir: