Inaugurado na Praza do Hospital un novo conxunto escultórico obra do artesán carballés Fabián Lage
A peza central, titulada "Alén", foi realizada coa madeira do ciprés derrubado por un temporal en decembro do 2015
Luns 8 de xullo do 2019 Carballo ao día
Fabián Lage estivo acompañado por Evencio Ferrero e Xosé Regueira
O ciprés centenario derrubado por un temporal o 30 de decembro de 2015 continúa transformándose para cobrar novas vidas. Despois da homenaxe á emigración realizada polos artistas locais Miguel Anxo Calvo e Isa Fernández, hoxe inauguramos "Alén", un conxunto escultórico do artesán carballés Fabián Lage que xa é parte da Praza do Hospital. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, acompañaron ao artista no descubrimento da peza central, que se complementa con bancos, papeleiras e xardineiras.
"Alén" é, para o seu autor, vida despois da morte, un renacemento que nos permita vivir e convivir con dignidade
"Alén" é o primeiro traballo escultórico deste carballés que estudou no Centro Municipal de Formación e que con esta obra pretende reflectir “a superación persoal do ser humano fronte á adversidade”. O autor empregou produtos de última xeración, tanto no tratamento de conservación e protección da madeira, como na fabricación das réplicas das partes humanas que compoñen a peza, que están feitas a partir de modelos ao natural. Para Lage "Alén" é vida despois da morte, un renacemento que nos permita vivir e convivir con dignidade. Unha necesaria actitude vital que nos incita a buscar espazos de rebeldía e liberación polos que poder fuxir de tantas gaiolas, reais e imaxinarias, que nos manteñen atenazados”.
Fabián Lage e a súa obra
O resultado fala por si mesmo, nun proceso que levou tres anos, 1.800 horas de traballo e 10.000 liscos de póla de ciprés, e que xa está a disposición da veciñanza para o seu desfrute.
A peza escultórica, de gran tamaño, ofrece un variado espectro cromático no que a luz xoga un papel fundamental, tanto para potenciar a intensidade das cores como para percibir ese cúmulo de sensacións que pretende transmitir, xa que segundo a súa posición e dirección ofrece un tornasol cheo de brillos resplandecentes que pasan dun negro acibeche a un caoba con escintileos dourados. Así, a falta de luz vólvea dun negro intenso mentres que con luz directa adquire transparencia, descubríndonos reflexos dourados da madeira.