A CRUZ VERMELLA IMPARTIU HOXE A ÚLTIMA SESIÓN EN ARDAÑA
Remataron os cursos de manexo do teléfono móbil, nos que participaron 280 persoas das diferentes parroquias
O Concello de Carballo traballa xa de cara ao vindeiro curso na programación de novas actividades nos centros sociais
Martes 9 de xullo do 2019 Participación veciñal
Parte do grupo de Ardaña, ao remate da sesión de hoxe
Un total de 280 persoas participaron nos cursos de manexo do teléfono móbil organizados polo Concello de Carballo e impartidos pola Cruz Vermella. Hoxe celebrouse a última sesión na parroquia de Ardaña, e ata alí achegouse o concelleiro de Cultura e Deporte, Marcos Trigo, para agradecer a participación da veciñanza e clausurar a actividade.
Finalmente celebráronse cursos nas parroquias de Vilela, Sofán, Sísamo, Rus, Lema, Entrecruces, Noicela, Cances, Artes, Ardaña e Carballo. Os 280 participantes repartíronse nunha vintena de grupos, xa que en varios lugares foi preciso organizar dúas quendas. Na de Carballo, as máis de 70 persoas inscritas dividíronse en cinco grupos: dous no Pazo da Cultura en horario de mañá, outros dous no Fórum Carballo en horario de tarde e o quinto no Centro Social da Brea. Pola contra, nas parroquias nas que non se acadou un número mínimo de inscritos/as ofreceuse a posibilidade de acudir a outras. Deste xeito, os/as veciños/as de Berdillo uníronse ao grupo de Sofán, os/as de Oza optaron por achegarse ata Carballo e, do mesmo xeito que no consello parroquial, Noicela e Rebordelos tamén se agruparon para esta actividade.
Dende o Concello de Carballo agradecemos a colaboración da Cruz Vermella, os consellos parroquiais e as entidades das parroquias
Ademais de agradecer a colaboración da Asemblea Local da Cruz Vermella de Carballo, que se encargou de preparar os manuais que se entregaron a todos/as os/as participantes, de formar ás monitoras e de impartir os obradoiros, dende o Concello de Carballo tamén queremos destacar a implicación dos consellos parroquiais e do movemento asociativo das diferentes parroquias para achegar a información á veciñanza, recoller as follas de inscrición e ter a punto os locais sociais.
Os talleres de manexo do teléfono móbil constaron de tres sesións de dúas horas de duración cada unha, que se impartiron todos os martes e os xoves (agás festivos) dende o 7 de febreiro ata hoxe. Agardamos que a iniciativa cumprise co obxectivo de permitir aos nosos maiores familiarizarse coas novas tecnoloxías de uso cotiá e cada vez máis xeralizado.
Na mesma liña, dende as áreas de Terceira Idade, Participación Veciñal, Cultura e Deporte estamos a traballar de cara ao vindeiro curso na organización de máis actividades nos centros sociais das parroquias.