ABERTO ATA O 2 DE AGOSTO O PRAZO PARA O PRÓXIMO CURSO
O alumnado de cociña da Escola de Hostalaría regresou ao Fórum para asistir a unha masterclass sobre chocolate
A iniciativa, organizada pola asociación Coruña Cociña, reuniu durante dúas xornadas a cociñeiros da provincia con mestres de Valhrona, unha das mellores marcas do mundo
Mércores 10 de xullo do 2019 Carballo ao día
O alumnado de cociña da Escola Municipal de Hostalaría pode seguir a compaxinar as prácticas en empresas coa formación grazas a iniciativas como a masterclass sobre chocolate que se celebrou durante as xornadas de onte e hoxe nas instalacións do Fórum Carballo. Ata aquí achegáronse cociñeiros/as da asociación Coruña Cociña, organizadora da iniciativa, para aprender dos mestres da marca francesa de chocolates Valhrona, considerada unha das mellores do mundo. Repartidos/as en dúas quendas, profesionais e aprendices puideron descubrir algúns dos segredos máis doces da cociña e, sobre todo, da repostería.
Deste xeito o alumnado carballés tamén saca partido dunha das fortalezas da marca francesa, que é a transmisión dos coñecementos dos seus mestres e mestras, coma neste caso, aos profesionais da restauración.
A masterclass de hoxe coincidiu en pleno período de prácticas dos/as 15 alumnos e alumnas de cociña da Escola Municipal de Hostalaría, que despois de nove meses de formación teórica e práctica poden demostrar as súa preparación en establecementos de toda a provincia. As prácticas prolongaranse ata finais de agosto.
Pero xa estamos a preparar tamén o vindeiro curso. O prazo de inscrición está aberto ata o 2 de agosto. Abonda con presentar a folla de solicitude debidamente cuberta a través do Rexistro do Concello de Carballo, de calquera dos rexistros auxiliares ou do rexistro electrónico, para participar no proceso de selección dos/as próximos/as 15 alumnos/as. Para formarse na Escola de Hostalaría de Carballo só é preciso ter 18 anos cumpridos e posuír unha titulación mínima de graduado en ESO ou equivalente. A matrícula é gratuíta.