A campaña “Eu quero Razo-Baldaio” tamén trata de implicar ás persoas usuarias das praias coa correcta xestión dos residuos
Instalados seis novos colectores de vidro nos puntos de maior concentración de establecementos de hostalaría
Mércores 10 de xullo do 2019 Carballo ao día
A campaña “Eu quero Razo-Baldaio” non só inclúe todas as actividades que estamos a desenvolver dende principios de mes coa colaboración das asociacións naturalistas Senda Nova, Hábitat e Adega, senón tamén medidas nas que poden colaborar todas as persoas usuarias das praias. Un dos obxectivos desta temporada é implicar á cidadanía na correcta xestión dos residuos sólidos urbanos, e por iso, ademais de incrementar o número de colectores e a frecuencia das recollidas, vimos de renovar os contedores de vidro e de convertelos, ademais, nun dos escaparates da campaña promovida polas concellarías de Medio Ambiente, Obras e Servizos e Turismo.
Hoxe quedaron instalados seis novos iglús verdes nas zonas de maior concentración de establecementos de hostalaría, tanto na zona de Razo coma na de Baldaio. Ademais de facilitar o depósito dos envases de vidro ao empresariado, tamén se trata de achegar o servizo ás persoas usuarias dos nosos areais.
Neste sentido, dende o Concello de Carballo pedimos a máxima colaboración para evitar vertidos de lixo ou o depósito incorrecto dos residuos, co obxectivo de optimizar os recursos destinados á xestión dos RSU, mellorar a calidade ambiental do noso litoral e ofrecer unha imaxe axeitada das nosas praias.