Inicio Carballo ao día Hemeroteca Sentido, reivindicativo e feminista pregón...

ATA O DOMINGO, NO XARDÍN MUNICIPAL

Sentido, reivindicativo e feminista pregón de María Reimóndez para celebrar catorce anos de Praza dos Libros

O mercado e o bo tempo animaron a inauguración da Feira da creatividade cultural de Carballo

Xoves 11 de xullo do 2019 Cultura

Ambiente pola mañá na Praza dos Libros

Ambiente pola mañá na Praza dos Libros

Cun tempo estupendo, animado polo excelente ambiente do xoves de mercado, comezou a XIV Feira da creatividade cultural de Carballo. Desde as 11 horas, polo Xardín Municipal estiveron Anxo Moure e a Servando Barreiro animando á cativada coa súa “Música da auga”, antes de que recibísemos na Casa do Concello á pregoeira deste ano, a luguesa María Reimóndez (1975). Tradutora e intérprete de profesión, a multipremiada autora -Rúa Nueva, Minerva, XXXI Premio Xerais de Novela por "Dende o conflito" (Xerais, 2014), "XIV Premio de Novela por Entregas de La Voz con "A dúbida" e, entre os últimos, o I Premio Xohana Torres de ensaio e creación audiovisual por "Rosalía de Castro, tradutora feminista, en diálogo con Erín Moure"- asinou no Libro de Honra do Concello, acompañada polo alcalde, Evencio Ferrero, e polas concelleiras Belén Lendoiro e Milagros Lantes.

Actuación da Banda Municipal de Gaitas

Actuación da Banda Municipal de Gaitas

De seguido, xa na carpa da Praza dos Libros, a Banda de Gaitas de Carballo deu paso ao pregón, introducido polo concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, e polo alcalde. “Comezan hoxe catro xornadas cheas de actividades abertas, para todos os públicos e para poñer en valor diversas linguaxes de creación e de comunicación”, explicou Trigo antes de debullar polo miúdo o programa da feira e lembrar a extraordinaria nómina de autores e músicos de recoñecido prestixio que pasaran estes catros días por Carballo: Anxo Moure, Magín Blanco, María Canosa, Concha Blanco, Daniel Asorey, Diana Fernández, David Díaz, Xoán Curiel, Ledicia Costas, Fernando Fernández Rego, Manel Cráneo, Diana Varela, Pakolas, José Antonio Andrade, Manuel Rivas, Ana Cabaleiro, Ramón Vilar, Aldaolado... e os/as da casa: Alberto Varela Ferreiro, Xan Fraga, Isabel Villanueva, Laura Tova, Miguel A. Alonso Diz, Fernando Calvo Trincado, Xabier Maceiras...

Marcos Trigo, concelleiro de Cultura, abriu o acto

Marcos Trigo, concelleiro de Cultura, abriu o acto

O concelleiro rematou a súa intervención recoñecendo o traballo das bibliotecas municipais, saudando ás librerías presentes na Praza e recordando que nesta edición os libros terán un 10% de desconto sobre o seu prezo habitual e virán con marcapáxinas “rasca” que repartirán ata 500 premios: camisolas, mochilas, chaveiros e chapas, entre outros obsequios. Ademais, quen merque nas casetas hoxe recibirá de balde unha lata de atún e, quen o faga o domingo, un pan de Carballo.

Evencio Ferrero destacou o éxito do formato

Evencio Ferrero destacou o éxito do formato

“Estamos en tempo de verán, en tempo no que se pode desfrutar máis do libro e da lectura”, afirmou o alcalde. “Como cada edición –engadiu- nas casetas seguro que hai onde escoller, libros para todo tipo de apetencias e para todo tipo de riquezas, para que teñamos a oportunidade de ler e de formarnos, de aprender e de ser críticos”. Ferrero salientou o carácter singular da Praza: “En Carballo optamos por un formato especial, arredándonos dese corsé que era a tradicional feira do libro para facer unha marca propia, que é a Praza dos libros; escapando desas datas, que nos viñan impostas, para escoller as datas que as librerías locais estableceron como datas preferentes”. Para rematar, o alcalde, como tamén antes fixese o concelleiro de Cultura, agradeceu a implicación das librarías e da Fundación Luis Calvo Sanz para fomentar a lectura e a cultura en xeral.

Reimóndez -fundadora da organización non gubernamental de cooperación internacional Implicadas no Desenvolvemento así como da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación, ademais de colaboradora de opinión na plataforma dixital Vieiros e en A Nosa Terra, e que tamén forma parte do grupo de investigación Feminario de Investigación: Feminismos e Resistencias (Teorías e Prácticas) da Universidade de Vigo- leu un sentido, reivindicativo e feminista pregón no que Carballo e a súa comarca estiveron moi presentes.

María Reimóndez foi a pregoeira desta edición

María Reimóndez foi a pregoeira desta edición

“Os libros foron, para min, a primeira e repetida ocasión para volver a esta vila, para buscar en Bergantiños esta terra de acollida que tamén trouxo a xentes de outros lugares a convivir con nós, a enriquecernos”. “A literatura galega –asegurou- é hoxe un espazo que vai medrando en historias, que destaca entre as máis creativas e potentes entre a súa contorna; medra cada día grazas ao espírito crítico que falar unha lingua denostada e despreza outorga”. “Somos –engadiu- a alternativa ao capitalismo voraz, a aquilo que nos di que só valemos segundo o que pesemos, segundo o que midamos, segundo os cartos que teñamos”. “Só desde o afecto polo lingua e a literatura propias podemos facer fronte á especulación, ás actividades que destrúen o medio e o patrimonio: á cobiza”, rematou.

Descargas

Compartir: