Inicio Carballo ao día Hemeroteca O proxecto da rúa Campo da Feira...

O proxecto da rúa Campo da Feira completará a reurbanización de toda a contorna do Fórum Carballo

O investimento en melloras viarias e de servizos urbanísticos realizado nos últimos anos polo Concello no barrio da Milagrosa supera o millón de euros

Mércores 24 de xullo do 2019 Carballo ao día

Luis Lamas, Juan Seoane e Evencio Ferrero visitaron as obras

Luis Lamas, Juan Seoane e Evencio Ferrero visitaron as obras

Despois de urbanizar toda a contorna do CEIP Xesús San Luís Romero entre os anos 2017 e 2018 cun investimento de 515.738 euros, seguimos a actuar no barrio da Milagrosa para modernizar os servizos urbanísticos e mellorar a mobilidade e a accesibilidade. Nestes momentos estamos a executar o proxecto de reurbanización das rúas Xílgaro, Luís Braille e Enxeñeiro Barreira, adxudicadas á empresa Construcciones López Cao por 379.371 euros, e xa temos en contratación as obras das rúas Campo da Feira e Cuco, ás que destinamos outros 276.417 euros e que nos permitirán completar a actuación en toda a contorna do Fórum Carballo. En total, en tres anos realizaremos un investimento de máis de un millón de euros no barrio da Milagrosa.

Na rúa Xílgaro as obras están moi avanzadas

Na rúa Xílgaro as obras están moi avanzadas

O alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros de Obras e Servizos, Luis Lamas, e Mobilidade, Juan Seoane, achegáronse hoxe ata a zona para realizar un seguimento dos traballos, que avanzan a moi bo ritmo na rúa Xílgaro. A actuación inclúe a renovación de instalacións e infraestruturas urbanas, resolvendo as deficiencias dos servizos urbanísticos existentes, e a mellora da accesibilidade e a seguridade viaria mediante a reordenación dos espazos e a renovación de pavimentos en dous treitos: dende o cruce coa avenida da Milagrosa ata a rotonda con Luís Braille e dende este punto ata o entronque coas rúas Campo da Feira e Fotógrafo José Vidal, así como nas rúas Luís Braille e Enxeñeiro Barreira. Ao mesmo tempo, as obras están concibidas para mellorar as condicións de celebración da feira.

As rúas Xílgaro e Luís Braille serán de dirección única, con aparcamento en ámbalas dúas marxes e zonas peonís máis amplas que incluirán, ademais, vexetación para darlle certa continuidade á rede verde entre o Parque da Milagrosa e a contorna menos consolidada. O corredor peonil cuberto que discorre baixo os soportais edificados será renovado para integralo no ámbito e crearanse espazos verdes que integrarán, ademais, o mobiliario fabricado polo alumnado do obradoiro de emprego de carpintería.

Próxima actuación

Zona da rúa Campo da Feira

Zona da rúa Campo da Feira

Nos próximos meses os traballos estenderanse ás rúas Campo da Feira e Cuco, así coma ao treito de Fotógrafo José Vidal comprendido entre Campo da Feira e Saturnino Cuíñas. Será tamén unha actuación integral, xa que incluirá a instalación ou renovación de todas as infraestruturas urbanas, a renovación de pavimentos e bases e a adopción de medidas para garantir a accesibilidade universal e a seguridade viaria.

Ademais de mellorar os servizos na contorna dun edificio que rexistra cada vez máis actividade como é o Fórum Carballo, as actuacións en marcha teñen o obxectivo de dignificar o espazo de celebración da nosa tradicional feira, contribuíndo á súa promoción como punto de encontro veciñal e de actividade comercial.

Compartir: