Inicio Carballo ao día Hemeroteca Non sexas pirata! A campaña da Xunta...

Non sexas pirata! A campaña da Xunta contra o furtivismo de bañador chegará o 24 de agosto a Baldaio

A iniciativa pretende chamar a atención sobre o importante labor do sector marisqueiro e sobre o dano económico e ambiental que provoca o furtivismo

Mércores 24 de xullo do 2019 Carballo ao día

O Concello de Carballo súmase á campaña Non sexas pirata!, impulsada pola Consellería do Mar para intentar atallar o importante problema, tanto económico coma medioambiental, que supón o furtivismo de bañador e lembrar a importancia do labor que desenvolve o sector marisqueiro.

Cada verán, o servizo de Gardacostas comisa unha tonelada de marisco extraído de maneira ilegal dos areais de Galicia por parte de bañistas. A Xunta de Galicia quere lembrar á cidadanía que esa práctica é unha ilegalidade.

Ademais deses dous obxectivos xerais, a campaña persegue estes outros:

  • Familiarizar a público en xeral coa actividade marisqueira para aumentar o seu coñecemento e interese pola mesma.
  • Transmitir de xeito inequívoco a importancia económica e social da actividade marisqueira en Galicia poñéndoa en valor.
  • Dar a coñecer como se realiza este traballo durante todo o ano de forma respectuosa co medio para garantir a súa sustentabilidade.      
  • Transmitir ao público as consecuencias do marisqueo furtivo a nivel de seguridade, de economía e de sustentabilidade dos recursos.
  • Informar sobre os requisitos legais, vedas e tallas mínimas e consecuencias do incumprimento da lei.
  • Transmitir a importancia e necesidade de garantir a trazabilidade dos alimentos que se consumen.
  • Achegar ao público o coñecemento das distintas especies de marisco e as súas características.
  • Comprender a relación existente entre o medio natural e os recursos que del obtén o ser humano.
  • Coñecer a acción do ser humano sobre o medio ambiente e valorar as súas posibles consecuencias.
  • Poñer en valor o papel dos consumidores como colectivo, incluíndo aos máis pequenos, á hora de preservar os recursos do mar.

Co lema Á praia vense a gozar, non a saquear, o 24 de agosto a Xunta instalará dous postos na zona de Baldaio nos que, ademais de información, desenvolveranse diferentes xogos educativos.

Compartir: