PLENO ORDINARIO
Carballo quere avanzar na Estratexia 2030 con dous proxectos que permitirían reducir a nosa pegada de carbono
“Cicl-Ando Carballo” é unha proposta para fomentar a mobilidade ciclista e peonil e “Carballo Sostible” persegue a mellora da eficiencia enerxética nos edificios públicos
Venres 26 de xullo do 2019 Carballo ao día
O carril bici da Avenida de Malpica conectarase co da estrada de Razo
O primeiro pleno ordinario do mandato simboliza o compromiso do Concello de Carballo co medio ambiente e co desenvolvemento da Estratexia 2030, na que vimos avanzando nos últimos anos. Pero queremos avanzar aínda máis, e por iso o vindeiro luns proporase á corporación a participación na liña de “Proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do programa operativo FEDER plurirrexional de España 2014-2020” a través da solicitude de subvencións directas para dous proxectos que permitirían reducir a nosa pegada de carbono.
“Aproveitouse o tempo dende as eleccións ata agora para non esgotar o prazo da convocatoria, que está aberta ata o ano 2020”, apuntou hoxe o alcalde, Evencio Ferrero, que presentou os asuntos do pleno acompañado pola concelleira Milagros Lantes. De feito, foron dous dos representantes políticos e técnicos que mantiveron xa unha reunión coa coordinadora dos proxectos en Madrid. “Somos optimistas porque calquera dos dous proxectos cumpre cos obxectivos de reducir a pegada de carbono e facer de Carballo un concello máis sostible”, engadiu o alcalde.
Un deses proxectos é “Cicl-Ando Carballo”, que inclúe o acondicionamento de 18 quilómetros de sendas peonís e ciclistas, unha rede de aparcamentos seguros para bicicletas e unha campaña de sensibilización en mobilidade sostible. O orzamento acada os 2.141.618,86 euros.
Unha das condicións para poder optar aos fondos europeos con este proxecto é a aprobación do Plan municipal de mobilidade sostible, un trámite que tamén se realizará no pleno deste luns, aínda que xa é de sobra coñecido pola corporación, xa que, como lembrou Evencio Ferrero, “traballouse nel durante todo o mandato anterior coa participación pública, de entidades e dos grupos municipais, e agora xa está formalizado. Creo que é bo _engadiu o alcalde_ que un concello coma o noso teña a posibilidade de aspirar a fondos europeos con este plan de mobilidade”.
O outro proxecto, “Carballo sostible: enerxías renovables e eficiencia enerxética dos edificios públicos”, ten un importe total de 2.064.444,72 euros e permitiría mellorar a eficiencia enerxética en 18 edificios e instalacións municipais.
Outros asuntos
No pleno do luns tamén se aprobará unha modificación orzamentaria cun expediente de crédito extraordinario para financiar as últimas certificacións das obras da skate praza e do campo de fútbol do Carral, por importe de 79.604,82 euros.
Así mesmo, a corporación decidirá sobre a adhesión do Concello de Carballo á central de contratación da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). “É un recurso que temos as administracións para adherirnos a expedientes de contratación que se fan para todo o Estado. No caso específico de Carballo existía a necesidade de facelo para os novos contratos coa empresa subministradora de enerxía eléctrica para reducir e axilizar os procesos de contratación”, explicou hoxe o alcalde.
Na sesión ordinaria darase conta da aceptación das dedicacións exclusivas aprobadas no pleno de organización, así coma dos integrantes de comisións e órganos colexiados en representación de cada grupo municipal. Tamén se debaterán as dúas mocións do PSOE que se axuntan a esta nova.