O Concello de Carballo continúa estendendo a compostaxe e xa son máis de 200 as familias do rural que participan na experiencia
A partir do venres 2 de agosto está aberto o prazo de solicitude para 50 novos composteiros, que se outorgarán por orde de rexistro
Venres 2 de agosto do 2019 Carballo ao día
A experiencia da compostaxe está a dar uns resultados excelentes grazas á implicación da veciñanza, e hoxe Carballo pode presumir de ser un concello de referencia na xestión dos residuos orgánicos a través deste método natural. Nestes momentos temos distribuídos polo noso territorio un total de 223 composteiros, na súa maior parte en vivendas do rural, pero tamén os utilizan colectividades como a Asociación Pro Enfermos Mentais (APEM), a Asociación Ambiental Senda Nova ou a Escola Municipal de Hostalaría.
A compostaxe fai posible a eliminación da fracción húmida dos residuos sólidos, que é a máis pesada e a que supón maior custe de tratamento, dun xeito natural e outorgando a eses residuos unha segunda vida como abono. Grazas á colaboración veciñal conseguimos eliminar dos colectores verdes máis de 100 toneladas de RSU ao ano, e a cifra vai en aumento.
Solicitudes
O sistema ten cada vez máis demanda, e por iso vimos de xestionar con Sogama a adquisición de 50 novos composteiros. As persoas interesadas poden solicitalos a partir do 2 de agosto presentando no Rexistro Municipal, debidamente cuberto, o formulario que atoparedes ao final desta nova, na web de Carballo Limpo, no propio Rexistro (planta baixa da Casa do Concello) ou na secretaría da Alcaldía (primeiro andar). Os composteiros asignaranse por orde de solicitude, pero, se é preciso, crearemos unha lista de agarda para campañas futuras.
A compostaxe leva cinco anos funcionando en Carballo con moi bos resultados. En todas as parroquias hai algún composteiro, e a intención é seguir estendendo o servizo en función da demanda.