ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN ATA O DÍA 7
O Torneo-Foliada Concello de Carballo cumpre 12 anos consolidado como un evento de referencia dentro e fóra de Galicia
Rosalino Mariño, Cristian Rancaño, Daniel Varela e Marcos Trigo presentaron o cartel e os trofeos da cita anual co volei praia en Razo
Venres 2 de agosto do 2019 Deporte
Daniel Varela, Rosalino Mariño, Marcos Trigo e Cristian Rancaño
O 11 de agosto celebrarase unha nova edición do Torneo-Foliada Concello de Carballo, que ao longo dos anos conseguiu consolidarse como un evento de referencia dentro e fóra de Galicia grazas a unha mestura de deporte, natureza, gastronomía, festa e ambiente familiar. Este último ingrediente, de feito, ten cada vez máis peso, como apuntou na presentación da 12ª edición o presidente da Asociación de Volei Praia Costa da Morte, Rosalino Mariño. E precisamente por iso unha das novidades deste ano podería ser, o sábado 10, un torneo familiar con parellas compostas por nai e fillo, tío e sobriño, avó e neta ou calquera outra combinación que se vos poida ocorrer.
Xunto a Rosalino Mariño achegáronse ata a Casa do Concello para presentar o torneo os monitores Cristian Rancaño e Daniel Varela, “dous piares importantes para que o torneo funcione”, asegurou o presidente da entidade co-organizadora.
Unha vez máis, man a man coa Asociación de Volei Praia Costa da Morte está a traballar o Concello de Carballo, a través da Concellaría de Deporte. O seu titular, Marcos Trigo, destacou que, ao longo dos seus 12 anos de vida, o volei praia foi quen de “xuntar a centos de persoas de todas as idades e de crear un ambiente moi festivo todas as tardes do verán, porque, faga bo tempo ou non, a xente achégase todos os días ata Razo”, engadiu.
O volei praia ten cada vez máis tirón en Carballo, e a culpa é das Escolas de Volei Praia de Razo, que todos os veráns converten unha parte da zona da explanada nunha gran cancha de xogo para afeccionados/as de todas as idades. O Torneo-Foliada é o colofón e a proba evidente do auxe deste deporte, xa que na pasada edición participaron 188 persoas. Este ano as inscricións van moi ben, con máis de 50 parellas anotadas a falta de cinco días para o peche do prazo, o mércores 7. Se estades interesados/as bulide, porque hai un límite de participación de 100 parellas.
O Torneo Foliada celebrarase o domingo 11 a partir das 10 e ata pasadas as 20 horas, cun único parón para degustar as dúas paellas xigantes que ofrecerá a organización a todos/as os/as participantes e bolos preñados. “Vén xente de toda Galicia e incluso de fóra. Este ano temos confirmados participantes de Baleares, Andalucía... Hai xente que programa as súas vacacións en Galicia para poder participar neste torneo”, asegurou Rosalino Mariño.
Categorías
Supermini: 10 anos de idade ou menos
Sub-15: 11, 12, 13 e 14 anos
Sub-17: 15 e 16 anos
Senior: 17 en adiante
Super 80: a suma das idades dos integrantes da parella ten que ser igual ou superior a 80, cunha idade mínima de 35 anos.
Haberá trofeos para os/as campións/as e subcampións/as de cada categoría, e medallas para os/as participantes en supermini. Entre todos/as os/as participantes desta edición elixirase o premio "Magic" Mourís 2019 para distinguir os valores deportivos, persoais e de amizade.