Asinado o contrato para a execución do proxecto da nova grada e a ampliación dos vestiarios do campo de fútbol das Eiroas
Representantes da empresa adxudicataria, do Concello e do Bergantiños FC mantiveron unha primeira xuntanza previa ao inicio das obras
Xoves 8 de agosto do 2019 Deporte
A sinatura do contrato realizouse na Alcaldía
O alcalde, Evencio Ferrero, asinou hoxe o contrato coa empresa Covisam Norte para a execución do proxecto de mellora do campo de fútbol das Eiroas. A construtora, con sede en Carballo, iniciará en breve as obras, e por iso tras o acto formal da sinatura xa mantivo unha primeira xuntanza de traballo con representantes do Concello de Carballo e do Bergantiños Fútbol Club, principal usuario da instalación municipal.
O proxecto foi adxudicado por 453.725,80 euros. A empresa Covisam Norte disporá de seis meses para a execución das obras, que consisten, por unha banda, na mellora do acceso á instalación deportiva mediante a urbanización exterior. Tamén se ampliarán os vestiarios do campo principal, que despois de vinte anos non se adaptan ás necesidades actuais dun dos clubs galegos con máis licenzas federativas: 510 nestes momentos.
Pero a principal actuación será a construción dunha nova grada con capacidade para 300 espectadores/as. A obra, froito do consenso entre a Concellería de Deporte e o Bergantiños FC, permitirá mellorar a comodidade e a seguridade do público cunha grada nova que se situará no fondo norte, e que evitará ter que instalar gradas supletorias para determinados eventos, como ten ocorrido en varias ocasións nos últimos tempos.
Xuntanza posterior á sinatura do contrato