Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo acolle un dos 10 proxectos...

Carballo acolle un dos 10 proxectos artísticos incluídos este ano no programa de Residencias Paraíso

Os creadores escénicos Matías Daporta e María De Dueñas comezaron a traballar esta semana no Pazo da Cultura no proxecto “Mocap-en Beta”

Venres 9 de agosto do 2019 Cultura

O programa Residencias Paraíso leva tres anos apoiando proxectos artísticos, e o Concello de Carballo leva tres anos colaborando para impulsar a creatividade da extraordinaria canteira de artistas galegos. Este ano o Colectivo RPM, que traballa da man da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para impulsar a investigación e a creación arredor das artes vivas contemporáneas, seleccionou 10 proxectos. Un deles, Mocap-en Beta, está a desenvolverse en Carballo.

Matías Daporta avanza no seu proxecto xunto con María De Dueñas. Os dous estudaron  no Conservatorio de Danza contemporánea de Madrid e máis adiante coincidiron no Máster de Práctica Escénica e Cultura Visual. Aínda que María desenvolveu unha carreira como bailarina e Matías como coreógrafo e xestor, os seus intereses sempre atoparon puntos comúns que se distinguen nas suas colaboracións en proxectos sobre a relación entre o cinema e a performance: “Knock Down” e “Funerals Welcome” producido por Veem Theatre en Amsterdam (2014), e “Flat, Not Apartment” producido por Projection Room en Bruselas (2015).

Arredor da súa estancia no noso concello deseñamos dúas actividades abertas ao público para que poidades coñecer máis a fondo o interesante proxecto deste artista galego.

MOSTRA > Xoves 22 de agosto ás 18.00 horas

Mocap-en Beta é unha peza en proceso, sobre como representar un corpo en constante desenvolvemento. Nesta mostra partillarán o material acumulado durante estas semanas. “O título _explican_ atende a dous estados en desenvolvemento. Mocap para aqueles movementos gravados para logo dixitalizar, e en Beta a un proxecto dixital en estado de proba. Entendemos o corpo nun limbo similar, no que a súa forma vese manipulada polos cambios continuos da sociedade e da vida en xeral”.

AULA > Venres 23 de agosto, de 18.00 a 20.00 horas

“Este encontro será una maneira de coñecer outros corpos en relación ao material e aos mecanismos escénicos cos que traballamos”, expoñen.

Vídeos

Compartir: