Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Xunta executará a circunvalación...

REUNIÓN DE EVENCIO FERRERO CON ETHEL VÁZQUEZ

A Xunta executará a circunvalación en dúas fases e o alcalde demanda que a primeira sexa entre o polígono e a estrada de Santiago

A urbanización da travesía de Bértoa, a extensión da rede de auga a todo o litoral e o plan de inundación son outras prioridades nas que se está a traballar

Venres 9 de agosto do 2019 Carballo ao día

Ethel Vázquez e Evencio Ferrero, hoxe na Coruña (Foto Xunta)

Ethel Vázquez e Evencio Ferrero, hoxe na Coruña (Foto Xunta)

A circunvalación de Carballo foi o tema central da xuntanza que mantiveron hoxe na Coruña o alcalde e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, que lle trasladou a Evencio Ferrero o compromiso da Xunta de Galicia de incluír nos Orzamentos do 2020 “a partida necesaria para impulsar a variante deste municipio”, tal como informou hoxe o propio departamento autonómico.

A obra suporá un investimento duns 30 millóns de euros e executarase en dúas fases. A estrada de Santiago sería o centro, polo que unha fase abranguerá desde este punto ata o polígono e a outra ata a AC-552 na saída cara Coristanco. “Nós seguimos insistindo en que a circunvalación é unha prioridade e unha urxencia. Comprendemos que se faga en dúas fases, pero nós defendemos que a primeira debe ser a do polígono á estrada de Santiago por criterios obxectivos, como son volume de tráfico que xera o propio polígono e o feito de que os vehículos pasados transitan por unha zona urbana cunha alta densidade de poboación escolar e cun rueiro estreito que dificulta a súa circulación”, explicou o alcalde. A conselleira recolleu a información achegada por Evencio Ferrero e recoñeceu a urxencia da actuación. O alcalde pediu que á hora de decidir se utilicen criterios técnicos e de mobilidade, non económicos, e Ethel Vázquez aseguroulle que así será.

O obxectivo da Xunta é iniciar as expropiacións o ano que vén.

Máis prioridades

O alcalde e a conselleira, na senda de Bértoa (foto de arquivo)

O alcalde e a conselleira, na senda de Bértoa (foto de arquivo)

En materia de mobilidade, o alcalde tamén lle trasladou a Ethel Vázquez a necesidade de completar a urbanización da travesía de Bértoa actuando na marxe dereita en dirección á Coruña. Con respecto a esta actuación, que foi outra das prioridades que xa lle foran presentadas no seu momento ao presidente da Xunta, Evencio Ferrero explicoulle que por parte do Concello de Carballo estase a elaborar o proxecto, que está xa avanzado, e que tamén se asumirá a titularidade do treito, e polo tanto o seu mantemento futuro, se a Xunta executa a obra. Neste asunto non houbo un compromiso pero si boa disposición para seguir colaborando, polo que dende o Concello remitirase un avance dos traballos realizados.

A extensión do abastecemento de auga a todo o litoral é outra das demandas permanentes do goberno municipal. Na reunión de hoxe, que se prolongou durante case unha hora, Evencio Ferrero informou á conselleira sobre o importante investimento realizado dende o Concello no ciclo integral da auga, especialmente coa dobre captación Anllóns-Bardoso; o abastecemento a Oza e Razo, en execución, e a súa ampliación ata Lema, incluída xa nos orzamentos deste ano. O alcalde insistiu na necesidade de completar toda a franxa costeira. Tras unha recente reunión existe xa un compromiso de Augas de Galicia de elaborar o proxecto da rede principal, para a que hai dúas alternativas: ou ben darlle continuidade dende Lema ou ben dende a captación do Rapadoiro. A decisión tomarase en función dos criterios dos técnicos. Despois a Xunta executará a canalización principal e o Concello, as ramificacións.

Evencio Ferrero informou tamén á conselleira de que esta mesma semana celebrouse unha reunión con técnicos de Augas de Galicia e do equipo redactor do estudo de inundación de Carballo, que é outro dos obxectivos estratéxicos do goberno municipal. Neste sentido, o alcalde ofreceu toda a colaboración precisa “para que as medidas que se adopten sexan medidas eficaces”.

Compartir: