A Xunta de Goberno Local adxudica as obras de reurbanización da rúa Concepción Arenal por 184.525 euros
A mellora da céntrica vía sumarase aos que se están acometendo xa na contorna do Fórum Carballo e nas rúas Barcelona e Luis Calvo
Luns 12 de agosto do 2019 Carballo ao día
A rúa Concepción Arenal estréitase neste punto
A Xunta de Goberno Local adxudicou na súa xuntanza de hoxe as obras de reurbanización da rúa Concepción Arenal á empresa Construcciones Vázquez y Reino por 184.525 euros. O proxecto de mellora dos servizos urbanísticos e da accesibilidade que acometeremos nos vindeiros meses nesta céntrica rúa sumarase aos que xa temos en marcha noutros dous puntos do casco urbano: o eixo Barcelona-Luis Calvo, cuxas obras visitaron o alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros Luis Lamas e Juan Seoane, e a contorna do Fórum Carballo.
A rúa Concepción Arenal, situada entre Vázquez de Parga e Valle Inclán, ten unha lonxitude de 80 metros e un ancho que oscila entre os 8,50 e 4,85 metros da zona máis estreita, na confluencia con Vázquez de Parga, onde carece de beirarrúa por mor dunha edificación e un peche de parcela existentes. Co obxectivo de mellorar a accesibilidade proponse unha actuación semellante á doutras rúas da contorna, de xeito que a rúa contará con zonas peonís de 2,5 metros de ancho con pavimento de granito e un carril de circulación de 3,50 metros, todo en plataforma única.
Luis Lamas, Juan Seoane e Evencio Ferrero, nas obras da rúa Barcelona
En canto aos servizos urbanísticos, melloraranse e completaranse as redes de abastecemento de auga e saneamento e instalarase rede de augas pluviais, da que carece a rúa nestes momentos; tamén se colocará a canalización para o soterramento futuro da rede de enerxía eléctrica e completaranse as de telecomunicacións e gas. En canto á iluminación pública, a instalación será soterrada e as luminarias irán colocadas sobre báculos en vez de fixadas ás fachadas, como están agora.
O prazo de execución das obras é de 3 meses a partir da sinatura do contrato.
Outros acordos
Na súa xuntanza de hoxe, a Xunta de Goberno Local aprobou tamén outras propostas:
- Facturas por importe de 11.243,99 euros
- Convenio de colaboración coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para a programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios do segundo semestres.
- Expediente de contratación dos servizos de xestión da ludoteca municipal por un prazo de tres anos e un orzamento total de 113.440 euros.
- Expediente do contrato de servizo de asistencia técnica para a coordinación e dinamización dun espazo de traballo colaborativo cun orzamento de 93.750 euros.
- Licenzas urbanísticas.