Inicio Carballo ao día Hemeroteca Arrincan as obras da praza de Aldemunde, que se...

Arrincan as obras da praza de Aldemunde, que se completarán co adecentamento da antiga escola unitaria

O Concello de Carballo investirá máis de 100.000 euros para a consecución dun renovado espazo de uso veciñal

Mércores 14 de agosto do 2019 Carballo ao día

En Aldemunde xa se está traballando para dotar dun novo espazo de uso veciñal á parroquia máis pequena do noso concello. Nestes momentos están en execución as obras de construción dunha praza no terreo da antiga escola unitaria, atendendo deste xeito a demanda expresada pola veciñanza a través do Consello Parroquial. Ata alí achegáronse o alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Planificación, Milagros Lantes, e o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, aproveitando o arranque dos traballos.

O proxecto, executado pola empresa Construcciones Vázquez y Reino cun orzamento de 98.736 euros, inclúe a demolición dos muros exteriores, o palco da música, a beirarrúa perimetral e as escaleiras de acceso, ademais da limpeza e o acondicionamento do terreo para diminuír a pendente actual. A partir de aí realizarase unha obra que permitirá gañar unha praza de uso cotiá e tamén para as festas. Con esa finalidade pavimentarase con formigón parte do espazo e construirase un novo muro de peche con varandas de madeira, ademais de soterrar o tendido eléctrico e de plantar catro novas árbores: 2 carballos e 2 castiñeiros, que garantirán a sombra.

Pero a actuación estenderase máis adiante á antiga escola. Ademais da eliminación das barreiras arquitectónicas construíndo unha rampla de acceso con varanda de protección de aceiro inoxidable, tal como figura no proxecto da praza, o Concello de Carballo está preparando un proxecto complementario para acondicionar o edificio conforme ao escaso uso que ten e á súa integración no renovado espazo que ocupa, moi próximo, ademais, ao conxunto parroquial formado pola igrexa e o cemiterio. Deste xeito procederase non só ao pintado exterior, senón tamén á renovación das ventás e do tellado, entre outros traballos menores.

Compartir: