A rede municipal de centros sociais estenderase no mandato actual a todas as parroquias de Carballo
O Concello inviste nestes momentos case 600.000 euros na construción dun novo edificio en Bértoa e na reforma integral da antiga escola de Lema
Venres 16 de agosto do 2019 Carballo ao día
Obras do centro social de Bértoa
A rede municipal de centros sociais segue estendéndose e antes de que remate o mandato chegará a todas as parroquias. Nestes momentos estamos a realizar un investimento de case 600.000 euros en dous novos proxectos: a construción dun novo e moderno edificio en Bértoa e a reforma integral da antiga escola de Lema, que está xa preparada para que empecen as obras este mesmo luns, como puideron comprobar o alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira Milagros Lantes e o concelleiro Juan Seoane nunha visita a ámbolos dous. Ademais, continúa avanzando a tramitación urbanística precisa para dotar o antes posible dun centro social tamén á parroquia de Goiáns, na que, coma no resto dos casos, este tipo de actuacións responden á demanda da veciñanza e, sobre todo, do movemento asociativo.
As antigas escolas unitarias reconvertéronse en locais de uso veciñal na maioría das parroquias: Razo, Vilela, Artes, Entrecruces, Outón e Ramil de Rus ou Aldemunde, onde, aínda que o uso se limita practicamente ás reunións do Consello Parroquial e á festa, aproveitando a construción da nova praza acometeremos un pequeno proxecto complementario para o arranxo do edificio. Agás na de Razo, no resto dos centros realizáronse melloras no pasado mandato, sempre consensuadas co movemento asociativo e intentando responder, polo tanto, ás necesidades específicas de cada un.
Nestes momentos hai, ademais, edificios de nova construción ou totalmente rehabilitados nas parroquias de Oza, Cances, Ardaña, Sofán e Berdillo, ademais do de Imende, que presta servizo á veciñanza de Noicela e Rebordelos. En Sísamo, a veciñanza dispón dun edificio propio, pero moi limitado e de difícil acceso, polo que, dada a crecente actividade asociativa, está sobre a mesa o debate sobre unha posible ampliación ou a construción dun inmoble novo. E algo parecido pasa en Vilela.
Proxectos en marcha
Visita do alcalde ás obras de Bértoa
A todos eles sumarase nos vindeiros meses o de Bértoa, un inmoble de nova planta que está a construír xa a empresa Desarrolla Obras y Servicios nunha parcela de 5.882 metros cadrados situada xunto á zona verde do parque empresarial de Bértoa. Será un edificio de 530 metros cadrados, divididos en dous volumes construídos baixo unha mesma cuberta, que se integrarán na contorna utilizando materiais coma a pedra, a madeira e o formigón visto, que ao mesmo tempo destacan pola súa durabilidade. Nun dos volumes crearase un auditorio de 107,8 metros cadrados, ademais de almacéns, aseo e hall. No outro, destinado á actividade diaria, haberá unha aula de informática, un salón social, unha oficina, aseos e hall. No exterior crearanse unha zona de barbacoa e un patio.
En Lema está todo listo para empezar o luns
Mentres en Bértoa se traballa nos cimentos, en Lema xa está “desmantelada” a escola vella para que o luns comece a súa reconversión nun moderno edificio de uso social. Non será novo, pero case, porque só se conservan os muros exteriores. O centro social terá unha superficie en planta baixa de 148,80 metros cadrados útiles, nos que se acondicionarán unha zona de cociña e barra, un despacho, dous aseos, un salón de 80 metros cadrados e un almacén. Tamén se conservará parte do soportal actual, que contará con 46,90 metros cadrados. No interior farase unha nova distribución. Tamén se actuará en todas as fachadas exteriores, e na cuberta, ademais de renovar ventás e portas. Pero a obra non só afecta ao edificio, senón que tamén está prevista a urbanización de toda a parcela, na que se habilitarán unha zona de aparcamento e un parque con xogos infantís e equipamento de ocio saudable para as persoas maiores.
Con este tipo de actuacións queremos poñer a disposición da veciñanza e do amplo e dinámico movemento asociativo que traballa nas parroquias espazos de encontro, reunión, formación e promoción cultural e deportiva.