Inicio Carballo ao día Hemeroteca O programa “Eu quero Razo-Baldaio” superou o seu...

O programa “Eu quero Razo-Baldaio” superou o seu ecuador cun alto índice de participación

Unha xornada divulgativa sobre a píllara foi a última das 16 actividades desenvolvidas ata o momento, pero no calendario figuran 11 máis ata finais de setembro

Venres 16 de agosto do 2019 euqueroRB

Xornada sobre a píllara celebrada o día 14

Xornada sobre a píllara celebrada o día 14

A xornada divulgativa sobre a píllara das dunas celebrada esta semana, na que o Grupo Naturalista Hábitat volveu a amosarnos o enorme valor da “xoia de Baldaio”, foi a última das 16 actividades desenvolvidas ata o momento dentro do programa “Eu quero Razo-Baldaio”, unha iniciativa do Concello de Carballo na que, ademais de Hábitat, contamos coa colaboración de Adega e Senda Nova.

Cada unha destas entidades, todas elas fondamente coñecedoras do noso litoral, están amosando a todas as persoas interesadas toda a riqueza natural que agochan as nosas praias e, sobre todo, están axudándonos a crear conciencia sobre a importancia de conservala e a descubrir que cada vez son máis as persoas dispostas a poñer o seu gran de area, como demostra o alto índice de participación.

No mes e medio que levamos de programa non só puidemos coñecer moito mellor á píllara, senón tamén outras especies da fauna e da flora propias do noso litoral. Limpamos as praias, puxemos en valor o patrimonio das parroquias costeiras, seguimos as pegadas dos animais que as habitan, retiramos especies invasoras, pasamos dúas noites baixo as estrelas para observalas dende o Monte Neme ou para achegarnos ás avelaíñas e mesmo elaboramos, nun concorrido taller de cestería, unha píllara xigante que queremos converter na bandeira do Concello de Carballo contra os contaminantes plásticos.

Pero aínda temos outro mes e medio por diante e moitas máis propostas:

  • 21 de agosto: Bioblitz nas micro reservas
  • 24 de agosto: creación de micro reservas
  • 28 de agosto: iniciación á ornitoloxía
  • 4 de setembro: obradoiro de biodiversidade
  • 7 de setembro: ruta xeolóxica
  • 11 de setembro: Segredos culturais da costa carballesa
  • 14 e 15 de setembro: obradoiro de pegadas de fauna
  • 18 de setembro: retirada de especies invasoras
  • 21 de setembro: creación de micro reservas
  • 25 de setembro: iniciación á ornitoloxía       
  • 28 de setembro: ruta xeolóxica
Todas as actividades son de balde e podes consultalas, así como realizar a inscrición, aquí.

Compartir: