Inicio Carballo ao día Hemeroteca O goberno municipal xestiona o abastecemento de...

O goberno municipal xestiona o abastecemento de auga ás parroquias costeiras a curto prazo

As obras da traída a Razo xa están en marcha, nos orzamentos deste ano hai consignación para estender a rede ata Lema e o alcalde acadou o compromiso de Augas de Galicia de completar a zona de Baldaio

Venres 23 de agosto do 2019 Carballo ao día

Evencio Ferrero, Juan Seoane e Milagros Lantes, no Rodo

Evencio Ferrero, Juan Seoane e Milagros Lantes, no Rodo

Despois de converter en realidade a dobre captación de auga Anllóns-Bardoso, o seguinte obxectivo marcado no plan director de abastecemento do Concello de Carballo era o litoral. Esa meta vai camiño de conseguirse, xa que o goberno municipal está a xestionar a extensión do servizo, e ademais a curto prazo.

Nestes momentos están en execución das obras do abastecemento ás parroquias de Oza e Razo, financiada polo Concello de Carballo cun orzamento de 1,7 millóns de euros. A rede arranca do polígono industrial de Bértoa en dirección a Oza, onde chegará aos lugares das Encrucilladas, Vilar do Carballo, Oza Vella, As Torres e O Rodo. Xa na parroquia de Razo aproveitaranse as canalizacións incluídas tanto nas obras de saneamento de Vilar de Cidre coma nas de pavimentación de Nétoma para levar o abastecemento a estes dous núcleos. A maiores, a rede estenderase a toda a zona de Razo da Costa, Santa Mariña e Arnados.

Avanzan as obras cara Oza e Razo

Por certo que a boa planificación da obra permite que, malia seguir traballando a un ritmo alto durante o mes de agosto, os traballos non afecten aos accesos á praia nin, polo tanto, aos desprazamentos dos milleiros de persoas que se achegan a diario ata o noso litoral. O alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Contratación e Planificación, Milagros Lantes, e o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, achegáronse ata a parroquia de Oza para realizar un seguimento das obras, que se centran nos ramais secundarios precisamente para evitar a presenza de maquinaria e os cortes de tráfico na estrada provincial Carballo-Razo.

O seguinte obxectivo é estender a rede ata Lema dende Arnados. O proxecto xa está listo e nos orzamentos deste ano figuran os 432.000 euros necesarios para acometelo. Ao mesmo tempo, o alcalde vén de acadar o compromiso de Augas de Galicia de completar o abastecemento na zona de Baldaio. Nunha recente reunión, o ente público dependente da Xunta comprometeuse a elaborar o proxecto da rede principal, para a que hai dúas alternativas: ou ben darlle continuidade dende Lema ou ben dende a captación do Rapadoiro. A decisión tomarase en función dos criterios dos técnicos. Despois a Xunta executará a canalización principal e o Concello, as ramificacións.

A medio e longo prazo o Concello de Carballo seguirá investindo para estender a rede a todo o territorio, como se está a facer co saneamento, en función da planificación establecida no plan director. De feito, no proxecto de abastecemento a Oza e Razo xa está previsto que no Rodo quede preparada a futura conexión para levar o servizo á parroquia de Cances.

Compartir: