Inicio Carballo ao día Hemeroteca Avanzan as obras nos centros sociais de...

Avanzan as obras nos centros sociais de Bértoa e Lema, nos que estamos a investir preto de 600.000 euros

O Concello de Carballo continúa estendendo a rede municipal de locais co obxectivo de contribuír á dinamización cultural, deportiva e social das parroquias

Mércores 28 de agosto do 2019 Carballo ao día

Visita ás obras do centro social de Lema

Visita ás obras do centro social de Lema

O Concello de Carballo está a realizar un investimento de case 600.000 euros nos proxectos de construción dun novo e moderno centro social en Bértoa, por unha banda, e da reforma integral da antiga escola de Lema, por outra. Estas dúas actuacións responden ás demandas da veciñanza e permiten seguir estendendo por todo o territorio unha rede municipal de locais públicos que contribúen á dinamización cultural, deportiva e social das parroquias.

En Lema as obras comezaron a semana pasada, pero, como puideron comprobar hoxe o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, e a concelleira de Facenda e Patrimonio, Belén Lendoiro, avanzan a moi bo ritmo e estarán listas a finais de ano.

Os tabiques levantados permiten intuír cal como será a nova distribución, que mudará por completo con respecto á que había, como se pode ver na imaxe axunta. Da vella escola unitaria só se conservan os muros exteriores. O espazo interior aumentará porque se reduce o soportal aproximadamente á metade, o que permitirá dispoñer de 148,80 metros cadrados útiles que darán cabida a unha zona de cociña e barra, dous aseos, un despacho, un almacén e un salón de 80 metros cadrados. Fachadas, portas, ventás, tellado... todo será renovado. E tamén se urbanizará a parcela exterior, que contará con zona de aparcamento, parque infantil e parque biosaudable.

Evencio Ferrero, Luis Lamas e Belén Lendoiro tamén se achegaron hoxe ata Bértoa, onde estamos estamos a construír un edificio de nova planta nunha parcela municipal de 5.882 metros cadrados situada xunto á zona verde do parque empresarial. As obras, que levan aproximadamente un mes en marcha, teñen 7 de prazo de execución.

Visita a Bértoa

Visita a Bértoa

Será un inmoble de 530 metros cadrados, divididos en dous volumes construídos baixo unha mesma cuberta, que se integrarán na contorna utilizando materiais coma a pedra, a madeira e o formigón visto, que ao mesmo tempo destacan pola súa durabilidade. Nun dos volumes crearase un auditorio de 107,8 metros cadrados, ademais de almacéns, aseo e hall. No outro, destinado á actividade diaria, haberá unha aula de informática, un salón social, unha oficina, aseos e hall. No exterior crearanse unha zona de barbacoa e un patio.

Compartir: