As subvencións directas do Concello de Carballo ás entidades deportivas baten un novo récord con case 180.000 euros
A Concellaría de Deporte apoia tamén a práctica do deporte cedendo ás asociacións e clubs un total de 19 instalacións e subvencionando o seu uso ao 100%
Xoves 29 de agosto do 2019 Deporte
Pavillón do IES Parga Pondal, no que vimos de instalar novo pavimento e canastras elevables ao teito
A Xunta de Goberno Local aprobou na súa última sesión ordinaria a concesión de subvencións por importe de 109.337,47 euros para as entidades deportivas do noso concello, acadando deste xeito unha cifra récord destinada a apoiar a actividade que desenvolven clubs e asociacións ao longo do ano, posto que consideramos que o asociacionismo deportivo é un piar básico para acadar un sistema deportivo máis participativo, amplo e diversificado.
Esa cantidade, outorgada a través de procedementos en concorrencia competitiva, permite financiar un total de 30 proxectos a través das convocatorias de axudas para a actividade xeral durante a tempada, a organización de eventos deportivos e a participación en fases de ascenso e/ou campionatos de España.
En concreto, tal como figura nos documentos anexos, a Concellaría de Deporte destina 92.000 euros para subvencionar a actividade xeral de 15 entidades, financia con 10.000 euros 10 proxectos de eventos deportivos presentados por 9 entidades, e con 7.337,47 euros apoia a participación de catro entidades en fases de ascenso e/ou campionatos de España. As contías outórganse en función dunha serie de criterios establecidos nas bases, e permiten cubrir unha porcentaxe de ata o 100% dos orzamentos e gastos.
A estas liñas de axudas hai que engadir as subvencións nominativas previstas no orzamento municipal cun total de 70.000 euros para 9 entidades e outros tantos eventos.
Pero a maiores de todos estes proxectos deportivos promovidos polas entidades do noso concello e apoiados con axudas económicas directas, desde a Concellaría de Deporte tamén se está a impulsar a actividade deportiva facilitando a utilización das instalacións de xestión municipal sen ningún tipo de contrapartida económica. O Concello de Carballo ten a disposición das entidades 8 pavillóns, 4 ximnasios, tres campos de fútbol e dúas piscinas climatizadas.
- Complexo deportivo Vila de Noia: pavillón, ximnasio e piscina.
- Complexo deportivo Carballo Calero: pavillón, ximnasio e piscina
- Completo deportivo As Eiroas (Bértoa): campos de fútbol principal e anexo
- Campo de fútbol O Carral (Sofán)
- Campo de fútbol As Pedreiras (Berdillo)
- Campo de fútbol CEIP Gándara-Sofán
- Pavillón CEIP Gándara-Sofán
- Pavillón IES Parga Pondal
- Pavillón IES Monte Neme
- Pavillón CEIP Fogar
- Pavillón CEIP Xesús San Luís Romero
- Ximnasio CEIP Xesús San Luís Romero
- Pavillón CEIP Nétoma-Razo
- Ximnasio IES Alfredo Brañas
O uso de todas estas instalacións por parte das entidades está cuantificado nun valor económico de 480.000 euros, bonificados ao 100% por parte do Concello de Carballo, que considera a promoción do deporte como un dos obxectivos prioritarios da xestión municipal.