Continúan na zona do Rodo as obras de abastecemento a Oza e Razo
O principal obxectivo neste momento é deixar accesibles as rutas do transporte escolar
Luns 2 de setembro do 2019 Carballo ao día
Belén Lendoiro, Evencio Ferrero e Luis Lamas, no Rodo
As obras da rede de abastecemento de auga ás parroquias de Oza e Razo están a centrarse este verán nos ramais para non entorpecer os accesos á praia. Durante os meses de xullo e agosto cumpriuse ese obxectivo, pero nestes momentos, co comezo do curso á volta de esquina, preséntase outro: deixar accesibles as rutas do transporte escolar. Precisamente con esa finalidade, nestes momentos continúan as obras na zona do Rodo, ata onde se desprazaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, e a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, para interesarse pola marcha e as posibles afeccións dos traballos.
A partir do mes que vén, a empresa construtora, a carballesa Ramón Vázquez y Reino, ten previsto intensificar os traballos, tanto no ramal principal como no propio núcleo de Razo. Aínda que a canalización está bastante avanzada, queda moito traballo por diante, xa que estamos a falar dunha infraestrutura de 1,7 millóns de euros de orzamento para levar auga a 10 lugares de dúas parroquias.