Arranca cunha primeira xuntanza de coordinación un novo curso para os camiños escolares de Carballo
O CEIP Xesús San Luís Romero podería integrarse este ano nun proxecto educativo e de mobilidade sostible no que xa participan os outros tres colexios públicos urbanos
Xoves 5 de setembro do 2019 Carballo ao día
A xuntanza celebrouse na Biblioteca Rego da Balsa
A Concellaría de Mobilidade quere impulsar o pedibús, unha das apostas do Concello de Carballo pola mobilidade sostible que, ademais, fomenta a autonomía infantil, as relacións sociais e de veciñanza e hábitos de vida máis saudables. Nos seis anos que leva en funcionamento, os camiños escolares foron estendéndose ata chegar aos colexios Fogar, Bergantiños e A Cristina, e o curso que está a piques de comezar podería ser o da integración do CEIP Xesús San Luís Romero, que despois das obras realizadas na contorna xa é máis accesible e que o será moito máis en canto rematen as que están en marcha na zona da Milagrosa.
A directora do San Luís Romero foi unha das participantes na primeira xuntanza de coordinación que mantiveron este mércores colaboradoras dos tres camiños escolares co concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, na Biblioteca Rego da Balsa. O encontro serviu para intercambiar opinións e ideas orientadas á promoción do pedibús entre os nenos e nenas que se van incorporando á vida escolar, intentando garantir o relevo dos/as que marchan para os institutos.
Con esa finalidade desenvolveranse varias accións nas vindeiras semanas, como a sinalización das rutas por parte dos propios escolares coincidindo coa Semana Europea da Mobilidade, encontros coas asociacións de nais e pais e os equipos directivos dos colexios, reparto de folletos informativos e actividades lúdico-formativas relacionadas coa mobilidade sostible.
Participar no pedibús é moi doado!
- Achégate a calquera das paradas
- Ponte en contacto coa ANPA do teu cole
- Chama ao 981 704 700
- Envía un e-mal a secretarioalcaldia@carballo.gal
Rutas e horarios
CEIP FOGAR
- Ruta 1. Saída en fronte ao Mercado Municipal ás 09.10h
- Ruta 2. Saída da rúa do Muíño ás 09.10h
- Saída da rúa Fábrica ás 09.30h
- Ruta 1. Saída da Praza da Cruz Vermella ás 08.45h
- Ruta 2. Saída da rúa Mahón ás 08.45h