Inicio Carballo ao día Hemeroteca Cociñas do mundo, showcookings,...

DO VENRES 13 AO DOMINGO 15

Cociñas do mundo, showcookings, obradoiros, música e artesanía no "Food Truck Fest"

Álvaro Victoriano, Marcos Seoane, Rocío Martínez e Chisco Ramos serán os "Cociñeiros do showcooking"

Luns 9 de setembro do 2019 Carballo ao día

A Praza do Concello de Carballo acollerá entre o venres 13 e o domingo 15 de setembro o Food Truck Fest, unha cita coa cociña sobre rodas na que seis vehículos ofrecerán variantes gastronómicas para todos os gustos. Hamburguesas premium, bocadillos gourmet, gastronomía orixinal e saudable,  tapas diferentes, cociña veggie, viños de autor, cervexas especiais, sesión vermú, cociña en directo, produtos de proximidade… actividades e animación constante durante os tres días de duración do evento.

Ademais, instalaranse varios espazos diferenciados para fóra da gastronomía. Teremos showcookings con recoñecidos cociñeiros, obradoiros para iniciar na cociña saudable ás e aos máis cativos da casa e variadas actividades de animación infantil para toda familia, que convivirán coas actuacións de bandas de versións de grandes éxitos e un mercado de artesanía. Todo iso integrado na zona de food trucks para gozar dunha animada sesión vermú, unha saborosa  comida ou unha cea diferente.

Os seis food trucks que convivirán durante tres días na Praza do Concello:

  1. PanPiragua (Asturias). Cociña asturiana sobre rodas. Hamburguesas artesás, canciños quentes especiais, cachopos e as súas famosas piraguas con Pitu de Caleya, carrilleras ou rabo de boi, forman parte da súa proposta gastronómica.
  2. Misco-Midas Foodtruck (A Coruña -Canarias). Cociña fusión na que podemos atopar as súas deliciosas hamburguesas de vaca galega ou pito de curral con outras elaboracións que fusionan as cociñas atlántica e mediterránea. Un canario afincado na Coruña namorado das cociñas das súas dúas terras e que experimenta con propostas inspiradas en Italia ou Xapón. Con opcións vexetarianas e veganas.
  3. Misco-Midas Grill. Un auténtico asador sobre rodas.  Pizzas artesás, carnes e verduras conforman a súa proposta.
  4. Veggchamel (Pontevedra). Foodtruck especializado en proposta veganas e vexetarianas con deliciosas, sorprendentes e orixinais propostas para os amantes da cociña verde e para as persoas que desexen probar e descubrir novos e saudables sabores.
  5. El 22 (Asturias-México).  O auténtico sabor de México. Tacos, gringas, carnitas, guacamole. Un equipo de chefs mexicanos tráenos a mexican street food, unha das propostas gastronómicas imprescindibles e máis demandadas en calquera evento de comida de rúa. Opcións vexetarianas e veganas.
  6. Piazza La Peregrina. Inigualables pizzas artesás con propostas clásicas e outras nada convencionais. Pizzas de polbo, de queixos galegos como San Simón da Costa ou o incrible Galmesano, pizzas que nos levan a outros recunchos do mundo como Xamaica. Todos os sabores do mundo sobre unha crocante e deliciosa masa. Tamén pizza de chocolate para os amantes do doce. Con opcións vexetarianas e veganas.

Os Cociñeiros dos showcooking son Álvaro Victoriano, dos restaurantes Peculiar e Intenso da Coruña; Marcos Seoane, do restaurante Río Sil de Carballo; Rocío Martínez, do Restaurante Pementa Rosa e Atelier de dóces Arabela, tamén en Carballo; e Chisco Ramos, do tamén carballés restaurante A Esmorga.

E, por último, no mercado de artesanía participarán Obradoiro Gorín, de Buño; Amorote, printing workshop; La madrina de Candela, deseños únicos e orixinais; Axóuxeres e chisqueiros; e Asociación artística Crea Formas.

Programa

VENRES 13
17.30 h. Obradoiros infantís.
18.00 h. Showcooking con Álvaro Victoriano, dos restaurantes Peculiar e Intenso.
19.00 h. Obradoiros infantís.
21.00 h. Concerto The Cruz. 23.00 h. DJ
00.20 h. Peche.

SÁBADO 14
12.00 h. Showcooking con Marcos Seoane, de Restaurante Río Sil.
12.00 h. Obradoiro de cociña divertida para nenas e nenos.
13.00 h. Sesión vermú con Dj Pop Voyage.
17.30 h. Obradoiros infantís.
18.00 h. Showcooking con Rocío Martínez, do Restaurante Pementa Rosa.
19.00 h. Obradoiros infantís.
21.00 h. Concerto: Reconversión.
23.00 h. DJ Pop Voyage.
02.00 h. Peche.

DOMINGO 15
12.00 h. Showcooking con Chisco Ramos, do Restaurante A Esmorga.
12.00 h. Obradoiro de cociña divertida para nenas e nenos.
13.00 h. DJ Sesión vermú.
17.00 h. Peche.

Presentación

O evento presentouse está mañá na casa do concello nun acto no que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; Maite Parga, técnica de Turismo; Chisco Ramos, de Restaurante A Esmorga, un dos cociñeiros locais que participarán nos showcooking; e un dos colaboradores da organización, o fotógrafo Oti Fernández.

Maite Parga: "Setembro é un mes no que se soe notar un pequeno baixón na hostalería, por iso é importante darlle outro pulo con este tipo de eventos”

“É a primeira vez que celebramos un evento deste tipo en Carballo”, explicou Maite Parga. “No departamento sempre nos gusta facer cousas novedosas e atractivas”, engadiu, “para que tanto os veciños de Carballo como da súa area de influencia, que é ampla, poidan desfrutar de cousas distintas e pasalo ben; neste caso, relacionadas coa restauración, que nosa vila todos sabes que ten un moi alto nivel”. “Traemos”, rematou, “unha proposta que non é só gastronómica, senón que tamén inclúe actividades paralelas de amenización para todas as idades, así que espero que a xente se anime. Hai que aproveitar este bo tempo que nos está a deixar o comezo de setembro, un mes no que se soe notar un pequeno baixón na hostalería, por iso é importante darlle outro pulo con este tipo de eventos”.

Logo de debullar polo miúdo o programa, Oti Fernández afirmou: “Este Food Truck Fest é unha excelente ocasión para dar a valer a gastronomía de Carballo, pero tamén para implicar aos máis novos e que aprendan canto antes hábitos de cociña saudable; todo, sen esquecer o lecer e a diversión, por iso programamos, ademais, un mercado de artesanía e concertos, sesións vermú e de dj’s e moita música que chegue a todos os públicos de todas as idades”.

Chisco Ramos: “Co Food Truck Fest chegará a Carballo unha proposta moderna, que sen dúbida vai repercutir positivamente no hostalaría local"

Chisco Ramos asegurou: “Co Food Truck Fest chegará a Carballo unha proposta moderna, como outras que xa se fan en moitos sitios, que sen dúbida vai repercutir positivamente no hostalería local. Para o público vai ser, seguro, moi atractiva, sobre todo para a xente máis nova”.

Para Evencio Ferrero “o departamento de Turismo carballés é moi creativo, moi innovador, con moita iniciativa, como vén confirmar este Food Truck Fest”. “Esperemos”, engadiu, “que a proposta funcione, que a xente vexa que a Praza do Concello sexa, como sempre, un lugar de encontro pero tamén un lugar para desfrutar desta comida urbana”. “Por iso, desde aquí só nos queda facer un chamamento a que a xente coma o mundo na Praza xa que vai haber cociña de distintos países para todo tipo de gustos, así que cada quen escolla o picante que lle queira botar e a salsa que lle queira dar á vida”, rematou.

Compartir: